Sociolingüística: Funcións, Conflito e Prexuízos Lingüísticos

Lingua e literatura3,07 KB

Sociolingüística: Funcións Sociais da Lingua, Conflito e Diglosia

A función esencial dunha lingua é a de servir como medio de comunicación entre os membros dunha comunidade e pode concretarse (ou non) noutras máis específicas: función de identidade, familiar, laboral, local, institucional, cultural e internacional. Cando algunha delas é desempeñada por outra lingua falamos de lingua minorizada.

A convivencia lingüística é a situación máis habitual dado que as aproximadamente 5000 linguas coñecidas repártense nuns 200 Estados existentes, mais raramente esta convivencia é pacífica:

  • Nuns casos o poder político e económico impón a súa lingua oficial provocando a desaparición da lingua autóctona (o caso do latín en Gallaecia). É o que coñecemos como substitución lingüística.
  • Noutros casos as dúas linguas conviven, aínda que con usos distintos: unha convértese en hexemónica (tamén chamada lingua A, dominante ou lingua de cultura) e desenvolve as funcións socialmente relevantes (institucional, cultural, internacional) e a outra convértese en lingua minorizada (tamén chamada lingua B, dominada ou idioma cuberto) e o seu uso fica progresivamente restrinxido a ámbitos orais, coloquiais, etc. Neste caso falamos de convivencia diglósica e prodúcese un conflito entre as dúas linguas. No caso da comunidade lingüística galega a convivencia diglósica vénse producindo desde o século XV.

O conflito lingüístico non é máis que o reflexo das tensións sociolingüísticas que se producen entre as dúas linguas desde o momento en que a lingua dominada pretende recuperar os ámbitos dos que foi desposuída pola dominante.

A resolución do conflito só pode ser a substitución lingüística da Lingua B pola Lingua A, ou a plena normalización lingüística, isto é, coa recuperación pola primeira dos ámbitos de uso que lle foron arrebatados pola segunda, para o que é necesaria a lealdade lingüística e o compromiso activo dos falantes así como a implicación no proceso dos poderes públicos e das institucións culturais e económicas.

Un dos moitos obstáculos no camiño da normalización é a vixencia de determinados estereotipos e prexuízos lingüísticos que pretenden transmitir a idea de que a lingua minorizada (o galego no noso caso) non é tan válida para o desenvolvemento como a hexemónica: é propia do mundo rural, non serve para falar das ciencias, non serve fóra do territorio, o galego normativo é “inventado”, só a falan os de esquerdas...

Tamén hai quen supón que se pode dar un bilingüismo harmónico entre as dúas linguas, unha convivencia pacífica na que cada quen fale o que lle apeteza e domine ben os dous idiomas, solución utópica que atenta contra o principio de economía lingüística e que acabaría en realidade conducindo á substitución.

Descargar

PDF Word HTML