Historia da lingua galega: do franquismo á resistencia
A Igrexa foi un dos soportes ideolóxicos e sociais do franquismo. A xerarquía católica ignorou o galego. A radio, o cine sonoro e a televisión supuxeron unha revolución cultural que espallaron masivamente o castelán en Galicia. Haberá que agardar a 1974 para a emisión dun programa en galego: Panorama de Galicia.
A resistencia: exilio e recuperación cultural
Son os exiliados como Castelao, Seoane, Blanco Amor ou Rafael Dieste os que manteñen vivo o proceso de recuperación lingüística e cultural. Bos Aires, Montevideo ou México son as verdadeiras capitais culturais da Galicia libre. Nestes centros promóvense:
- Editoriais e publicacións diversas.
- Programas de radio e edicións de xornais e revistas.
- Grupos de teatro e musicais.
- Fundación de entidades, padroados e actos culturais.
O proceso de recuperación nos anos 50
A finais dos 40 en Galicia danse os primeiros síntomas dun lento proceso de recuperación do galego en ámbitos cultos. En 1947 publícase Cómaros verdes de Aquilino Iglesia Alvariño. Antes de 1950 aparecen coleccións de poesía con volumes en galego como Benito Soto ou Monterrey.
Porén, será 1950 a data decisiva para o galego, cando se inaugura en Santiago a Editorial Galaxia, que edita Antífona da cantiga de Cabanillas. No 51 xorde a revista Grial, que se prohibe no 52.
Os anos 60: cara á normalización
Os anos 60 traen cambios importantes. Reaparece a revista Grial en 1963 e, na mesma data, a RAG instaura o Día das Letras Galegas ao cumprirse 100 anos da publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro. Nacen as organizacións políticas UPG e PSG e, ao seu redor, asociacións culturais como O Galo en Santiago ou O Facho na Coruña.
Desprégase unha intensa actividade vehiculizada en galego e demándase a oficialización do idioma en escolas, facultades, fábricas, sindicatos obreiros e agrarios ou parroquias. Rómpese así a marxinación diglósica do galego. En 1965 créase a Cátedra de Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Santiago, a cargo do profesor Ricardo Carballo Calero; en 1968 fúndase o ILG para iniciar o labor de investigación científica do idioma. No período de agonía do franquismo percíbense cada vez máis síntomas da recuperación social do galego.