O Galego Medieval: Historia, Esplendor e Evolución
O período medieval do galego (séculos IX-XV)
O período medieval da historia do galego esténdese ao longo de setecentos anos de virtual normalidade lingüística (IX-XV), que comeza a verse ameazada no último treito. A lingua deste período recibe o nome de galego antigo ou galego-portugués.
Ámbito xeográfico e formación
O galego antigo abarca o territorio da antiga Gallaecia romana, o que hoxe corresponde a Galicia, o norte de Portugal ata o río Douro e parte de Zamora, León e Asturias. O galego e o portugués comparten a primeira etapa da súa formación como idioma ata o século XIV, momento no que seguirán camiños diferentes.
O galego antigo ata 1350
Durante a Baixa Idade Media, o galego comeza a disputarlle ao latín a condición de lingua da cultura e da administración que este posuíra en solitario ata o século XIII.
A eclosión literaria
Os textos literarios máis antigos dos que temos noticia son do século XIII, aínda que as súas orixes poéticas se remonten a un pasado máis distante (XI-XII) e haxa que ir buscalas á literatura provenzal ou á mozárabe. Falamos da poesía lírica trobadoresca, cuxa cantiga máis antiga pode datarse arredor do 1200.
Entre 1200 e 1350 transcorre a época de esplendor do galego medieval, representada sobre todo polos trobadores da Escola Lírica Galego-Portuguesa; a fins desta etapa xorden tamén as primeiras obras en prosa literaria e as historiográficas.
Uso social e administrativo
O galego cultívase, ademais de na literatura, nas áreas da:
- Administración civil e de xustiza.
- Economía, ciencia e técnica.
- Vida eclesiástica e relixiosa.
Todos os documentos públicos e privados son redactados na única lingua que a sociedade entende e fala decote, o galego, que vai camiño de converterse na lingua oficial de Galicia, totalmente normalizada en canto ao seu uso.
O inicio do conflito lingüístico
Con todo, no reinado de Fernando III (1230-1252), Galicia vive por primeira vez a traumática experiencia do conflito lingüístico, que agroma cando o rei envía nobres foráneos castelanfalantes para gobernaren o antigo reino. Afonso X (1252-1284), pese a coñecer o noso idioma e ser o responsable da edición de moitas obras poéticas, historiográficas e xudiciais en galego, non destacará polo apoio dado ao emprego deste nos usos oficiais e administrativos. Con este monarca non mellora a situación lingüística de Galicia, que ve como o conflito comeza a facerse patente.