Conflito Lingüístico e Normalización do Galego: Análise e Perspectivas
Conflito Lingüístico e Normalización do Galego
A función esencial dunha lingua é a de poder servir como medio de comunicación entre os membros dunha comunidade e pode concretarse noutras máis específicas: función comunicativa, de identidade, familiar, laboral, local, institucional, cultural e internacional.
A convivencia entre dúas linguas é a situación máis habitual, pero o normal é que estas dúas linguas non convivan pacificamente:
Nuns casos, o poder político e económico impón a súa lingua oficial provocando a desaparición da lingua autóctona. É o que coñecemos como substitución lingüística. Noutros casos, as dúas linguas conviven, aínda que con usos distintos: unha convértese en hexemónica (tamén chamada lingua A, dominante ou lingua de cultura) e desenvolve as funcións socialmente relevantes (institucional, cultural, internacional) e a outra convértese en lingua minorizada (tamén chamada lingua B, dominada ou idioma cuberto) e o seu uso fica progresivamente restrinxido a ámbitos orais, coloquiais, etc. Neste caso falamos de convivencia diglósica, e prodúcese un conflito entre as dúas linguas.
O conflito lingüístico é o reflexo das tensións sociolingüísticas que se producen entre as dúas linguas desde o momento en que a lingua dominada pretende recuperar os ámbitos dos que foi desposuída pola dominante.
Un dos moitos obstáculos no camiño da normalización é a vixencia de determinados estereotipos e prexuízos lingüísticos, que son consecuencia da diglosia e que pretenden transmitir a idea de que a lingua minorizada (o galego no noso caso) non é tan válida para o desenvolvemento como a hexemónica: é propia do mundo rural, non serve para falar das ciencias, etc.
LINGUAS MINORIZADAS E LINGUAS MINORITARIAS. O GALEGO: LINGUA EN VÍA DE NORMALIZACIÓN
O galego, que fora unha lingua normal da Galiza durante a Idade Media, padece dende finais do século XV un proceso de minorización debido á imposición do castelán, o que se chama situación de diglosia.
Dende o século XIX, xorde un movemento a prol da recuperación ou normalización do galego. Dende ese momento ata hoxe, coexisten dúas tendencias en pugna, o que se chama conflito lingüístico. Estas tendencias son: a substitución dunha lingua por outra, polo que os seus falantes diminúen, e a normalización, onde o prestixio da lingua crece.
Estas tendencias teñen a súa evolución nos séculos XX e XXI. Ao longo do século XX foise consolidando o proceso de normalización do galego, promovido desde certos sectores da sociedade con sensibilidade galeguista e clara coincidencia do conflito cultural e lingüístico.
Dende os comezos deste período, o noso idioma accede a novos ámbitos de uso que ata entón lle estaban vedados, mais aínda que tamén estea presente en todos os ámbitos da comunicación social e en todos os medios, nalgún deles a súa presenza é puramente testemuñal e anecdótica. Nas escolas tamén sofre un período regresivo a comezos do século XXI, pois avivouse o conflito lingüístico.
A función que ten a Xunta de Galicia é promover o galego.