Xeracións Poéticas Galegas: 1936 a 1976
A poesía galega entre 1936 e 1976
O final da guerra supón unha ruptura histórica e cultural en Galicia. No exilio, especialmente en Bos Aires, continúa o labor político e cultural en favor de Galicia e da súa identidade. En Galicia, o galeguismo sobrevive clandestinamente ata 1950, cando comeza unha nova etapa de defensa cultural, a partir da aparición da editorial Galaxia e da publicación de libros en galego (como Cómares verde, publicado tamén clandestinamente). Segundo Méndez Ferrín, existiron tres xeracións poéticas.
A Xeración do 36 na poesía galega
Estivo constituída por poetas nados entre 1910 e 1920. Formados na República, viviron a Guerra Civil, converténdoa en motivo da súa poesía. Son escritores ponte entre a preguerra e a posguerra, que transmitiron o legado do Grupo Nós. Cultivaron o hilozoísmo, o neotrobadorismo, o paisaxismo, o clasicismo, recuperaron o intimismo radical e achegaron o socialrealismo.
Algúns dos autores desta xeración foron:
- Xosé Mª Díaz Castro: autor dun único libro, Nimbos, de enorme transcendencia para as nosas letras. O poemario Penélope, metáfora de Galicia, é un dos máis valorados pola crítica.
- Ricardo Carballo Calero: primeiro catedrático de lingua e literatura galegas na Universidade de Santiago. A súa obra caracterizouse polo clasicismo, a densidade do contido e o intencionalismo. Como poeta publicou Anxo da Terra e Poemas Pendurados dun cabelo.
- María Mariño: escribiu poemarios como Palabra no tempo e Verba que comeza, incluídos nunha obra cun intimismo que recorda a Rosalía. Foi Uxío Novoneira quen divulgou a súa obra.
- Celso Emilio Ferreiro: autor de temáticas do intimismo, socialrealismo e sátira. Os seus títulos máis significativos son: O soño sulagado (carácter intimista), Viaxe ao país dos ananos (visión degradada da emigración) e Longa noite de pedra (poética de compromiso, un dos maiores éxitos da nosa literatura e influencia en moitos autores).
A Promoción de Enlace (1920-1930)
Está conformada por escritores nados entre 1920 e 1930. Toman os seus modelos da literatura española e escriben, ao principio, en castelán.
Entre eles están:
- Antón Tovar Bobillo: cunha poesía sinxela e con musicalidade, como en Non.
- Luz Pozo Garza: escritora e crítica literaria, con Códice Calixtino.
A Xeración das Festas Minervais (1930-1940)
Integrada polos poetas nados entre 1930 e 1940, que presentan na súa obra características como a superación das tendencias poéticas de preguerra e as referencias á realidade social. Non coñeceron a Guerra Civil, pero foron educados no fascismo. Ao formaren parte da Escola da Tebra, evolucionaron dende o existencialismo ata o socialrealismo.
Algúns deles foron:
- Uxío Novoneira: contempla a paisaxe como algo místico. Ten obras como Os Eidos ou Elexías do Courel.
- Manuel María: dedicado a Galicia. Autor de Muiñeiro de brétemas e de Terra Chá.
- Méndez Ferrín: con Voce na néboa (liña existencialista influída pola Escola da Tebra) e Con pólvora e magnolias (supuxo o fin da poesía socialrealista).