A Transmisión Xeracional do Galego e os Prexuízos Lingüísticos
A perda do galego como lingua inicial: datos e tendencias
Nesta gráfica observamos unha tendencia moi significativa en relación á lingua inicial: a adquisición do galego descende a medida que se descende en idade. Analizando os grupos de idade, vemos:
- No grupo de persoas de máis idade (65 ou máis), o galego é a lingua inicial de case o 70% da poboación.
- Para o grupo máis novo (de 5 a 14 anos), éo para apenas un 17,5% (aprox.).
Entre ambas franxas de idade, o descenso é gradual, pero é máis brusco nas bandas de idade de entre 50 e 64 anos e de 40 e 49 anos, que se corresponden cos proxenitores dos máis novos. Nesta xeración de 40 a 49 anos xa non é maioritario o galego como lingua inicial (case un 35%) fronte ao castelán (superior ao 35%).
Tamén se detecta un aumento gradual das persoas que adquiriron ambas linguas desde o berce (desde un 15% aprox. nos maiores e dun 30% aprox. entre os máis novos).
Ruptura da transmisión xeracional e bilingüismo social
Estes datos evidencian a ruptura da transmisión xeracional do idioma, isto é, a creba na transmisión familiar do idioma. Con todo, a ruptura non é consecuencia tanto das decisións das familias como do papel minorizado do galego na sociedade.
O bilingüismo, máis alá de ser entendido como o dominio de dous idiomas por parte dos falantes (bilingüismo individual), é conflitivo a nivel colectivo (bilingüismo social) cando se dá unha desigualdade nos usos que se fan de ambas linguas. De feito, a perda de falantes de galego como lingua inicial non se corresponde co aumento de falantes de castelán como lingua inicial: o aumento do bilingüismo vai en detrimento dos falantes que perde o monolingüismo en galego.
Propostas de normalización lingüística
En conclusión, cada vez son menos os nenos e nenas que aprenden a falar en galego como primeira lingua. Por iso, as políticas de normalización lingüística (conxunto de accións que teñen como obxectivo o uso normal dunha lingua minorizada en todos os seus ámbitos sociais, o aumento de falantes e a mellora da imaxe social) deben orientarse a este sector. Algunhas medidas normalizadoras posibles son:
- Unha campaña de sensibilización para que as familias entendan que se debe promover na casa a aprendizaxe do galego para que os nenos sexan bilingües, pois o castelán é maioritario fóra da familia.
- A creación e difusión de máis contidos para a mocidade e a infancia en lingua galega: debuxos animados, xoguetes, videoxogos ou música.
Os prexuízos lingüísticos: definición e orixe
Como se observa na viñeta, nas relacións humanas é frecuente atoparse con situacións nas que unha persoa pode actuar en base a determinados prexuízos. Estes son xuízos de valor precipitados que se basean en ideas irracionais ou realizados con descoñecemento do asunto que se xulga e que teñen como consecuencia actitudes e comportamentos negativos. Cando se emiten sobre as linguas e os seus falantes co propósito de provocar o seu rexeitamento, falamos de prexuízos lingüísticos.
Orixe histórica: o conflito diglósico
No caso da lingua galega, os prexuízos xurdiron a partir dunha situación de conflito lingüístico de tipo diglósico que ten a súa orixe a fins da Idade Media: o castelán incorpórase á sociedade galega, daquela monolingüe en lingua galega, e ocupa os ámbitos de uso formais e cultos e os espazos de poder e prestixio.
Nesta situación diglósica temos:
- Unha lingua A, dominante: aquela que goza dun gran prestixio social, determinado pola existencia dun poder político e económico que a potencia, e que desenvolve plenamente todas as funcións sociais.
- Unha lingua B, minorizada: aquela que sendo historicamente propia dun territorio ve restrinxidas as súas funcións de prestixio e retrocede nos diferentes ámbitos de uso (fica relegada aos usos informais e coloquiais), baixo a presión doutra lingua que desenvolve total ou parcialmente esas determinadas funcións.
Neste contexto histórico, temos a base dos prexuízos que se conformaron durante séculos sobre a nosa lingua e os seus falantes.
O prexuízo da descortesía e o seu impacto
Os prexuízos sobre a lingua galega son variados. O que a viñeta reflicte é aquel prexuízo que marca o uso do galego como sinal de descortesía ou mala educación cara a un interlocutor que non o emprega. O diálogo representado describe unha situación na que un dos dous participantes, que emprega o castelán, ve desconsideración no uso do galego durante a comunicación a pesar de entendelo e convivir de forma cotiá con estas dúas linguas.
Os prexuízos repercuten gravemente no uso do galego, pois relégano como lingua minorizada e pouco prestixiada e promoven o seu abandono.