Tendencias da narrativa galega de fin de século

Outras linguas estranxeiras4,74 KB

A partir do 85 a narrativa galega entra nunha nova etapa de consolidación e diversificación temática. Tamén asistimos a un crecemento continuo do número de obras publicadas. No impulso desta produción narrativa xoga un papel determinante a introdución do galego no ensino que favorece a ampliación do mercado do libro. Este factor explica a aparición, asemade, dunha rica literatura infantil e xuvenil, con numerosas voces recoñecidas mesmo a nivel internacional. Neste ámbito cabe destacar autores como: Paco Martín, autor de: Das cousas de Ramón Lamote (1985) que marcou un fito para a consolidación deste xénero nas nosas letras. Fina Casalderrey autora dunha extensa obra neste xénero, traducida a todas as linguas da Península: Asústate, Merche, Prohibido casar, papá, Dúas bágoas por Máquina…; Agustín Fernández Paz, autor de títulos dunha ampla variedade temática, pero nos que destacan a irrupción dalgún elemento fantástico no mundo real: O centro do labirinto, Cartas de inverno, Aire negro, Contos por palabras, Cos pés no aire, etc.
A expansión do mundo editorial iniciada na Transición continúa nos anos da fin de século coa fundación de novas editoriais ( Sotelo Blanco, Positivas, Ir Indo, Do Cumio, Laiovento, Espiral Maior, etc.) . Os premios literarios adquiren especial relevancia como estímulo á escrita consolidándose nestes anos o Premio Merlín de Literatura Infantil, instaurado por Xerais en 1986; o García Barros (89) do Concello da Estrada; o Torrente Ballester da Deputación da Coruña; o Café Dublín de Narrativa Curta, etc.
Ás promocións de autores dos 50 e 70, que seguen en xeral en plena actividade creativa, súmanse un grande número de novos autores.

Narrativa de xénero

Cultivándose xéneros como a narrativa de ciencia-ficción, a narrativa erótica, a novela sentimental, a novela de terror, o western, a novela policíaca e a novela negra. O que acadou maior difusión foi a novela policíaca ou detectivesca, especialmente pensada para o consumo xuvenil. Entre os autores que cultivaron estes xéneros destacariamos a Ramón Caride (Soños eléctricos, novela de ciencia-ficción; Crónica de sucesos, nov. negra), Suso de Toro (Trece badaladas, novela de terror), Xosé Miranda (Vestio, nov. de terror; A tres bandas, nov. negra), Carlos G. Reigosa (Os outros disparos de Billy, western; Crime en Compostela, nov. policíaca), Xurxo Borrazás (Criminal, nov. negra), etc.

Narrativa humorística

A miúdo mesturando o humor con outros elementos xenéricos permitindo en ocasións unha fina crítica social e de costumes. Cabe sinalar obras como: Erros e Tánatos de Gonzalo Navaza ou Xente de mala morte, Contos mamíferos e As baleas de Eduardo Reinoso de Alfonso Álvarez Cáccamo.

Narrativa histórica

Podemos adscribir a esta tendencia obras como Branca de Loboso de Rábade Paredes, Morte de Rei de Darío X. Cabana, O sabre do francés de Miguel Anxo Fernández, etc. Noutras novelas atopamos elementos históricos mesturados con outros fantásticos ou herdeiros da novela de aventuras: Morning Star de Xosé Miranda ou Pepa a Loba de Carlos G. Reigosa son exemplos disto.

Narrativa fantástica e marabillosa

O representante máis destacado desta tendencia narrativa é Darío Xohán Cabana, que amosa unha clara influencia de Cunqueiro e da narrativa artúrica en obras como: Fortunato de Trasmundi, Galván en Saor, Cándido branco e o Cabaleiro Negro ou O cervo na torre. Outros exemplos de narrativa fantástica atopámolos na obra de Xosé Miranda (Historia dun paraugas azul) ou Marica Campo (Confesión e morte de María Balteira).

Narrativa de evocación

Con obras como Fisteus era un mundo de Lupe Gómez ou a triloxía de Ramiro Fonte Vidas da infancia. Especial relevancia adquiren aquelas obras que evocan o mundo rural galego en trance de desaparición: O paxaro que ninguén ve e Soñaron buratos na terra de José Luís Suré; Eu tamén fun coas vacas ou O coxo de Vilarelle de Afonso Eiré.

Narrativa urbana e experimental

Pódese considerar como tal a narrativa dunha serie de autores caracterizada pola experimentación formal e a exploración de mundos narrativos infrecuentes na nosa literatura (a marxinalidade urbana, p. ex.) Suso de Toro iniciou o camiño con obras como Caixón desastre, Polaroid, Land Rover e Tic-tac. Utiliza a técnica do libro fragmentario constituído por estampas aparentemente inconexas e transgresoras para aproximarse a personaxes marxinais. No seu discurso narrativo aproveita os modelos das linguaxes audiovisuais converténdoos en técnica de escritura. Outros autores que seguiron despois esta tendencia son: Xosé Cid Cabido, Xelís de Toro ou Xurxo Borrazás.

Descargar

PDF Word HTML