Sociolingüística: Usos da Lingua, Conflito e Normalización
Funcións Sociais da Lingua
A función básica das linguas é ser o vehículo fundamental de comunicación entre os membros dunha sociedade. Porén, existen outras funcións sociais que as linguas desempeñan nos distintos ámbitos e niveis da sociedade:
- Función de identidade: É aquela que realiza a lingua en cada individuo, servíndolle como instrumento de articulación do pensamento. Está relacionada coa aprendizaxe primaria.
- Función familiar: É a que desempeña dentro da familia como elemento de relación entre os seus membros. Vencéllase á función de identidade e relaciónase coa aprendizaxe primaria, pois a familia é a máis importante transmisora primaria da lingua.
- Función laboral: É a que se desenvolve no mundo do traballo.
- Función local: É a que realiza a lingua nos contactos entre as persoas que comparten o mesmo contorno na vida cotiá.
- Función institucional: Prodúcese nos contactos entre os individuos e as entidades administrativas, políticas, sociais e culturais da comunidade á que pertence.
- Función cultural: Ou de civilización, desenvólvese cando a comunidade humana que posúe unha lingua a utiliza para as súas expresións científicas, tecnolóxicas e artísticas.
- Función internacional: Prodúcese cando unha lingua ten uso alén da súa comunidade de falantes.
O Conflito Lingüístico
Defínese como a tensión que se produce entre dúas linguas no interior dun territorio por asumir un maior número de funcións sociais e de falantes. Unha situación de conflito non permanece indefinidamente no tempo, senón que ten dúas saídas antagónicas:
Substitución Lingüística
Proceso que consiste no abandono da lingua propia da comunidade e a asimilación á lingua dominante. Este proceso ten tres fases:
- Implantación dunha lingua foránea nun territorio con lingua propia.
- Bilingüismo social, ou sexa, uso diglósico da lingua propia e da lingua foránea, tendo esta segunda os usos máis prestixiosos e importantes.
- Abandono total do uso da lingua propia e completa asimilación á lingua foránea.
Normalización Lingüística
Proceso que consiste na recuperación de usos e funcións sociais para unha lingua que está nunha situación de subordinación.