Sociolingüística: Historia e evolución do galego

Lingua e literatura4,14 KB

Tema 3. SOCIOLINGÜÍSTICA.

Nun principio, todas as linguas derivadas do latín tiveron unha realización meramente oral e só se utilizaban entre falantes que compartían un mesmo espazo físico. Durante os séculos XVI e XVII, o galego quedou á marxe do proceso de normativización porque o seu uso quedou reducido só á oralidade e desapareceu por completo da escrita. Cando o galego comezou a recuperarse como lingua de cultura, comezou a realizarse o seu estándar.

A elaboración dun estándar para o galego pasou por diferentes etapas:

  • Galego popular: emprégano os autores do Rexurdimento e contén moitos castelanismos.
  • Galego enxebrista: é utilizado polas Irmandades da Fala e o Grupo Nós.
  • Galego proestándar: caracterízase por ter unha norma máis simple.
  • Galego estándar: é o que se utiliza actualmente e dende 1980.

O máis claro antecedente na elaboración do estándar do galego atópase en Algunhas normas para a unificación do Idioma Galego, elaborada polo Seminario de Estudos Galegos. Xa nos 60, Carballo Calero publica Gramática elemental del gallego común. Será no ano 1982 cando a RAG e o ILG publican as Normas ortográficas e morfolóxicas do galego, declaradas oficiais ese mesmo ano.

A elaboración desta normativa supuxo a fixación dunha ortografía. A variante estándar debe excluír interferencias lingüísticas, que é un fenómeno que se dá entre linguas que están en contacto. Ademais dos castelanismos tamén se dan os hipergaleguismos, os vulgarismos, os arcaísmos e os lusismos.

A normativa oficial non foi plenamente aceptada por todos os sectores da sociedade, xa que os reintegracionistas consideran que o galego é unha variante do portugués. A medio camiño entre ambos está a normativa de mínimos que é partidaria dun achegamento do portugués no léxico pero non na ortografía. Finalmente, tras anos de discrepancias, a última revisión da normativa en 2003 significou a superación das diverxencias, polo que recibiu o nome de “normativa de concordia”

Tema 4. SOCIOLINGÜÍSTICA

A comezos do século XX, Galicia segue sendo rural, cunha sociedade formada na súa maioría por labregos e mariñeiros. Non obstante, comezan a verse algúns cambios.

A situación lingüística caracterízase por ter un marcado carácter diglósico. Aínda que demograficamente o galego é a lingua maioritaria, o castelán é a lingua de prestixio social. As Irmandades da Fala, o Seminario de Estudos Galegos e a Xeración Nós reivindicaron a nosa lingua en todas as facetas da sociedade. A utilización do galego en novos ámbitos fixo dotalo dun nivel que carecera ata o momento, e polo tanto houbo que revisar a ortografía e enriquecer o vocabulario. Os escritores da época buscan un galego máis puro, intentando afastalo do castelán, o que se denomina galego enxebrista.

Por outra banda, en 1906 constitúese a Real Academia Galega. En 1933 sae á luz a primeira proposta para unha normativa galega, e ven da man do Seminario de Estudos Galegos, quen ademais potenciou o uso do galego en estudos científicos. Nese mesmo ano, as Irmandades da Fala sacan o Vocabulario castelano-galego co fin de impulsar a actividade editorial nas principais cidades galegas.

Neste proceso, tamén xogarán un papel decisivo os da Xeración Nós, xa que actualizan a prosa galega, poñéndoa en contacto coas novas correntes europeas.

A culminación de todo isto será o malogrado Estatuto de Autonomía de 1936, no que se contemplaba a cooficialidade do galego co castelán e a introdución do galego no ensino, pero isto non se levou a cabo pola Guerra Civil e a posterior ditadura franquista.

Descargar

PDF Word HTML