Rexurdimento galego: historia e evolución
O Rexurdimento da lingua e cultura galega no século XIX
No século XIX produciuse o Rexurdimento literario do galego. As ideas do Romanticismo favoreceron o desenvolvemento dunha corrente ideolóxica galeguista, cos obxectivos fundamentais da defensa de Galicia e da súa lingua. A guerra contra os franceses propiciou o uso do galego en impresos. O uso do galego estendeuse, así mesmo, ao tratamento doutros temas políticos do momento, que esixían o emprego da lingua dos seus destinatarios.
Centralismo e uniformización do Estado español
Consolidouse un aparato de administración dun Estado liberal; estas ideas están plasmadas na Constitución de Cádiz. O cambio político trae consigo o centralismo e a uniformación do Estado. En 1833 modifícase a organización do territorio e o Reino de Galicia substitúese polas catro provincias actuais. O proceso centralista e uniformador alcanzou tamén o sistema educativo e as linguas. En España, a Lei Moyano de Instrución Pública declara a alfabetización en castelán en todo o Estado.
O galego no século XIX: bilingüismo asimétrico
Nesta época o galego segue sendo a lingua da maioría da poboación, pero a imposición do castelán esténdese e chega ata as clases medias acomodadas e as cidades. O castelán era a lingua da minoría gobernante, a lingua habitual das elites e a única que gozaba de prestixio social. O castelán considerábase a lingua culta e era imprescindible para progresar socialmente. Isto provocou o bilingüismo asimétrico: os galegos tiñan que aprender a nova lingua, mentres que os castelanfalantes non tiñan ningunha presión neste sentido.
Movementos galeguistas: Provincialismo, Rexionalismo e Nacionalismo
En 1840 xorde o movemento galeguista, contra o carácter centralista e uniformador do Estado. Faise explícito o conflito galego-castelán e comeza a loita por dotar ao galego dunha variedade culta e unificada. Distínguense tres movementos coñecidos como Provincialismo, Rexionalismo e Nacionalismo.
- Provincialismo: xorde como movemento político que quería facer de Galicia unha única provincia, representado por Antolín Faraldo. En 1846 protagonizouse unha insurrección militar e civil que foi reprimida polo exército español. Logo deste fracaso centráronse na cultura e na reivindicación do idioma. A prensa convértese na canle de expresión do galego, grazas a escritores como Francisco Añón e Xoán Manuel Pintos (Precursores), xa que preparan o camiño ao Rexurdimento.
- Rexionalismo: O Rexurdimento pleno ten lugar en 1860 nos primeiros Xogos Florais de Galicia, un concurso de poesía galega contemporánea. Tamén en 1860 xorden os primeiros dicionarios de gramáticas da lingua galega. No ano 1880 dáse a publicación de varias obras de alta calidade literaria, que consolidan o renacer das letras galegas. Nesta época deuse o Rexionalismo, movemento galeguista que reúne tendencias políticas distintas e progresistas, que querían a concepción de Galicia como rexión diferenciada e rexenerar os seus trazos culturais e lingüísticos.
- Nacionalismo: O ano 1916 considérase o punto inicial do nacionalismo galego, coa publicación de *Nacionalismo gallego* e coa revista *Nós*, que contribuíu á extensión do galego a todo tipo de escritos. En 1936 aprobouse o Estatuto de Autonomía para Galicia, onde se declaraba como rexión autónoma, e a cooficialidade do galego co castelán. Pero nun mes estala a Guerra Civil e quedan interrompidos os progresos logrados polo galeguismo.