A Prosa das Irmandades da Fala: Novela Curta e A Nosa Terra
Creación e Obxectivos das Irmandades da Fala
As Irmandades da Fala (IF), fundadas en 1916 por iniciativa do xornalista Antón Vilar Ponte, foron cruciais para o desenvolvemento cultural galego. Entre as súas creacións máis destacadas atopamos:
- A Nosa Terra: Publicación periódica en galego (1916-1936), órgano de expresión das Irmandades da Fala.
- O seu director foi Antón Villar Ponte, e entre as personalidades relacionadas con A Nosa Terra (ANT) figuran Antón Vilar Ponte, Risco, Cabanillas, Castelao, entre outros.
- Trataba temas políticos, de pensamento, cultura e educación, dirixíndose principalmente á pequena burguesía (profesións liberais e comercio).
- Os seus obxectivos incluían combater o atraso económico de Galicia, estender o galeguismo e conseguir os dereitos políticos para Galicia.
- Editoriais e Coleccións de Novela Curta: As IF crearon editoriais dedicadas á potenciación do libro en galego (por exemplo, Céltiga en Ferrol). Fomentaron o cultivo dos xéneros menos desenvolvidos ata entón (teatro, narrativa) e abríronos a tendencias innovadoras. Así naceron coleccións literarias de novela curta.
As Coleccións de Novela Curta: Impulso á Narrativa Galega
As coleccións de novela curta caracterizábanse por volumes de pequeno formato (20-30 páxinas), saída periódica e custo accesible. Estas coleccións foron fundamentais para crear unha base editorial e un público lector antes inexistente, contribuíndo significativamente ao asentamento e modernización da narrativa galega.
O obxectivo principal era establecer un modelo de narrativa galega moderna, con ambiente urbano e temas lixeiros e amenos, protagonizada por personaxes das clases medias. Elimináronse motivos considerados superados, como a temática labrega e as mensaxes sociais e políticas excesivamente explícitas.
Nestes volumes déronse a coñecer novos autores e iniciaron a súa carreira como narradores os membros do Grupo Nós. Co nacemento da Editorial Nós, considerouse innecesario continuar coas coleccións de novela curta, xa que a narrativa galega estaba madura e en condicións de emprender proxectos máis ambiciosos.
Entre as coleccións literarias máis destacadas, podemos citar:
- Céltiga: Das Irmandades da Fala de Ferrol. Publicou, entre outras obras, Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, de Castelao.
- Lar: Revista quincenal, antecedente directo da Editorial Nós.
Tendencias da Narrativa Galega nas Coleccións das Irmandades
As coleccións de novela curta das Irmandades da Fala exploraron diversas liñas temáticas:
- O humor e o macabro: Elementos distintivos das culturas atlánticas, presentes tanto en novelas curtas (por exemplo, Do caso…, Un ollo de vidro…) como en obras maiores (O porco de pé, Os dous de sempre…).
- A narrativa etnográfica: Adaptación de lendas e tradicións ao gusto actual. Exemplo: “O lobo da xente”, de Risco (mito do lobishome), publicada en Lar.
- O neoceltismo: A tradución da lenda irlandesa Os catro cisnes brancos (Céltiga, 1922) clamaba pola recuperación das raíces celtas.
- Narrativa naturalista: Por exemplo, Manecho o da rúa, de Lesta Meis, que retrata a vida dos emigrantes nos enxeños azucreiros cubanos.
- Narrativa de transfondo político (galeguista): Moi crítica co caciquismo. Exemplo: O anarquista, de Leandro Pita Romero.
- Narrativa sentimentalista: Por exemplo, A modelo, de Paco Asorey.
- Simbolismo: Presente en varias novelas líricas. Exemplo: Saudade, de Xaime Quintanilla.