Prosa galega do primeiro terzo do século XX
A prosa do primeiro terzo do século XX
Coas Irmandades da Fala (1916) establécense os alicerces da modernización da prosa, que culminará na época do Grupo Nós. A través das editoriais Celtiga e Lar consolídase un novo modelo de novela curta de ambiente urbano e temas máis variados. Sobresae Xosé Lesta Meis. Para continuar, na época das Irmandades prodúcese o desenvolvemento da prensa co periódico A Nosa Terra, que se converterá no privilexiado medio de difusión da ideoloxía galeguista.
Entre os ensaístas máis relevantes aparecen:
- Xoán Vicente Viqueira, autor de numerosos artigos aparecidos, sobre todo, no semanario A Nosa Terra.
- Ramón Villar Ponte, un dos máis brillantes ensaístas, como o demostra en Doutrina Nacionalista, que é o primeiro tratado teórico sobre o nacionalismo galego.
- Antón Villar Ponte, quen escribe numerosos artigos, discursos e ensaios recollidos en Pensamento e sementeira (1971), e unha das figuras máis destacadas dentro do xornalismo da época.
Nos anos 20 modernízase a prosa galega, sobre todo co Grupo Nós, un conxunto de autores como Risco e Otero Pedrayo, ao que se lles une Castelao por colaborar con parte dos proxectos culturais que desenvolveron.
Os autores do Grupo Nós incorporan novas técnicas narrativas e diversifican a temática, realizando:
- Narrativa de corte fantástico, onde se inclúe unha obra de Castelao: Un ollo de vidro. Memorias dun esqueleto.
- Narracións que tratan o tema do alén, como Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros, de Risco, e O purgatorio de don Ramiro, de Otero Pedrayo, xunto cos relatos de Rafael Dieste incluídos na obra Dos arquivos do trasno.
- Novela realista urbana, coma O porco de pé, de Risco, onde critica a todo o mundo urbano que está a substituír a vella sociedade tradicional e, en concreto, a burguesía.
- Novela realista de análise da sociedade do antigo réxime e das causas da súa decadencia, un relato de Otero é Os camiños da vida.
- Novela psicolóxica, tamén de Otero, Arredor de si.
- Novela histórica, A romaría de Xelmírez, de Otero.
- Narrativa curta de índole máis experimental, que tenta unha renovación formal e temática, como Os ruins, de Xosé María Álvarez.
Os prosistas da época do Grupo Nós
- Vicente Risco céntrase na crítica da sociedade do seu tempo.
- Otero Pedrayo reconstrúe momentos clave da historia do país.
- Castelao intenta concienciar o lector sobre as inxustizas sociais que sofren as xentes galegas.