A Poesía Galega de Fins do Século XX e Comezos do XXI
A Poesía de Fins do Século XX e Comezos do XXI
A morte de Franco en 1975 e a chegada da democracia traen consigo unha serie de cambios lexislativos que supoñen o establecemento de estruturas administrativas propias e a defensa dos dereitos e liberdades fundamentais, ademais de afectar tamén á nosa lingua. Tres foron os textos fundamentais: a Constitución (1978), o Estatuto de Autonomía (1981) e a Lei de Normalización Lingüística (1983). Ademais, prodúcense nesta etapa importantes transformacións sociais, propiciadas pola nosa integración na UE, como as melloras alimentarias e sanitarias, que provocan o estancamento e envellecemento da poboación, e o desenvolvemento económico, que fai que diminúa o impacto da emigración e apareza a inmigración como factor social. En canto ao idioma, trátase dun período de enorme esforzo normalizador, a través das campañas institucionais, da influencia da RTVG e do gran impulso editorial, con máis de 1000 títulos ao ano só no ámbito literario.
A obra que inaugura esta nova etapa na poesía é Con pólvora e magnolias (1976), de Xosé Luís Méndez Ferrín. Esta obra supón un cambio de rumbo respecto ao existencialismo e ao socialrealismo que dominaron o panorama da lírica galega durante a ditadura, coa supeditación da forma á mensaxe que se quería transmitir. Prodúcese agora unha multiplicación temática e de formas, cun redescubrimento da dimensión estética do idioma, a través, por exemplo, da renovación léxica ou da busca de novos procedementos técnicos. Por outra banda, ensánchanse as posibilidades temáticas da poesía, polo que, ademais de contidos xa instalados na nosa tradición como o amor, a morte ou a reivindicación social, afloran outros como o erotismo, a reivindicación feminista, a reflexión sobre a propia poesía... Outros aspectos destacables son a combinación de tradición e modernidade, así como o gusto xeral polo culturalismo, é dicir, por incluír nos poemas todo tipo de referencias culturais: literarias, cinematográficas, musicais.
Un dos fenómenos máis salientables desta etapa foi a aparición nos anos setenta de colectivos ou grupos poéticos, como Rompente, en Vigo, ou Cravo Fondo, en Santiago. Do primeiro formaron parte Antón Reixa, Alberto Avendaño, Manuel Romón e Alfonso Pexegueiro, que publicaron manifestos e libros colectivos, como Fóra as vosas sucias mans de Manuel Antonio. Do segundo colectivo formou parte, entre outros, Ramiro Fonte.
Entre os poetas máis destacados desta etapa salientan, por exemplo, Claudio Rodríguez Fer (Poemas de amor sen morte), Ramiro Fonte (As cidades da nada), Pilar Pallarés (Entre lusco e fusco), Miguel Anxo Fernán-Vello (Seivas de amor e tránsito) ou Xosé Mª Alvarez Cáccamo (A praia das furnas), que forman a denominada Xeración dos 80.
Nos anos 90 apareceron novos premios literarios e novas coleccións de poesía, así como colectivos poéticos que recuperan os festivais e recitais. Estes factores, xunto á formación escolar e universitaria en galego de moitos mozos e mozas, provocaron a aparición dunha nova xeración de poetas, a Xeración dos 90. Está formada por autores como Miro Villar, Olga Novo, Marta Dacosta, Ana Romaní, Yolanda Castaño, Fran Alonso, Emma Couceiro... Estes autores tenden a mostrar preferencia por unha expresión máis directa, rexeitando o excesivo culturalismo da xeración anterior. Ademais, obsérvase un certo renacer da temática social, orientada agora cara ás actuais modas e modos de manifestar o compromiso: ecoloxismo, pacifismo, feminismo... Neste sentido, é importante o desenvolvemento dunha destacada creación poética feminina cun discurso feminista, xa que moitos dos principais autores son mulleres.