A Nova Narrativa Galega: Unha Análise Detallada

Lingua e literatura5,1 KB

Nova Narrativa Galega (NNG)

Na década dos 50, cando se inicia a recuperación da literatura galega, xorde un grupo de mozos que incorpora á nosa narrativa novos motivos e novas técnicas relatoras. Do mesmo xeito que os homes do grupo Nós supuxeran un achegamento ás novas tendencias culturais de Occidente, son os integrantes da Nova Narrativa Galega. Non se pode falar en sentido estrito dunha escola ou grupo homoxéneo, mais úneos a súa formación universitaria, con claras inquietudes galeguistas, viaxeiros por Europa e coñecedores da literatura europea e americana. No plano literario, a súa intención innovadora e o desexo de ruptura formal coa tradición narrativa. Aínda que o nome é un calco de Nouveau Roman –movemento contemporáneo francés–, non é esta a única influencia, nin sequera a máis destacábel. Participan da concepción desintegradora da novela tradicional practicada por escritores do s. XX (desde os anos 10 até o nouveau roman) que foxen do relato da biografía –a vida literaria– dun heroe problemático. Interesa a narración sen andadura lóxica, mesmo sen protagonista individual e sen historia: recollen de M. Proust a descrición minuciosa dos estados de ánimo (novela psicolóxica), de Kafka o mundo atormentado, con protagonistas illados e impotentes ante unha realidade estraña e absurda; de J. Joyce a exploración do monólogo interior; de W. Faulkner a destrución da lóxica temporal.

Características da NNG

A) No relativo ao argumento, ao tema:

  • Abandono do antropocentrismo.
  • Localización espacial imprecisa, sen identificación física.
  • Ambientes urbanos.
  • Ausencia de preocupación inmediata polos conflitos do país, que só se albiscan nun segundo plano en clave simbólica.
  • Mestura de realidade e mundo fantástico, onírico.
  • Exploración de situacións estrañas e opresivas, nos límites do absurdo.
  • Presenza do sexo e da violencia, que moi frecuentemente leva emparellada a morte.

B) Formais:

  • Monólogo interior.
  • Distorsión temporal, botando man da retrospección ou "flash-back", da técnica de montaxe de diferentes planos con independencia do curso lineal en que se sucedan, ou da ralentización de acontecementos, como a cámara lenta do cine.
  • Pluralidade de voces narrativas, que se alternan e superpoñen, mesturando ás veces as persoas gramaticais.
  • Enfoque obxectalista no que o narrador non rexistra máis que os feitos que percibiría unha cámara.

O corpus da NNG abrangue unhas vinte obras publicadas entre 1954 (Nasce un arbre) e 1971 (Adiós, María). O autor máis destacado é M. Ferrín, cunha obra moi extensa e moi relacionada entre si, formada por novelas e relatos curtos que comparten a creación dun mundo fantástico, con forte presenza de violencia e elementos políticos tratados de forma alegórica. Nela podemos destacar tres etapas:

Etapas de M. Ferrín na NNG

NNG: 1961-1971. Predominio da técnica experimental sobre o interese argumental. Tematicamente, trata o absurdo e a falta de sentido da vida, con influencia do existencialismo. O crepúsculo e as formigas é un conxunto de relatos nos que deforma a realidade facéndonos dubidar se o que narra é real ou imaxinario. Pero o máis importante vai ser a violencia para mostrar situacións de opresión e miseria, é dicir, para mostrar unha realidade. A violencia, que forma parte do absurdo da existencia, prodúcese en seres atormentados e nun espazo escuro que semella ser o culpable. Na novela Arrabaldo do norte, vese que hai unha forte vontade tecnicista superpondo a estrutura narrativa ao interese do relato. Presenta un home incapacitado para a comunicación, con diálogos inútiles, que anda perdido polas rúas á procura dun cambio na súa vida que non dá conseguido.

As outras dúas etapas posteriores están xa fóra dos límites da NNG:

  • Segunda etapa: 71-80. (Retorno a Tagen Alta) Maior riqueza temática e omnipresencia da preocupación política.
  • Terceira etapa: a partir dos 80. Caracterízase por unha volta á fantasía e ás recreacións míticas e maior preocupación estilística.

Outro autor que comezou coa NNG foi C. Casares, pero as súas mellores novelas son posteriores e de feitura moito máis clásica. As súas características son o camiño entre realismo e experimentalismo, monólogo e narrador protagonista. Nesta corrente inscríbense o libro de relatos Vento ferido e a novela Cambio en tres. A súa prosa posterior é sinxela pero moi traballada, para resultar natural e interesar a un amplo número de lectores.

Descargar

PDF Word HTML