Normalización da Lingua Galega: Situación Actual

Lingua e literatura4,17 KB

O Galego: Lingua en Vías de Normalización

Naquelas comunidades nas que conviven dúas linguas, estas representan a xerarquía social existente na mesma: haberá unha (dominante) que ocupe progresivamente os ámbitos da outra (dominada ou recesiva), de xeito que esta será substituída e irá perdendo usos. Esta última recibe tamén o nome de lingua minorizada (que non se debe confundir con minoritaria, referente ao número de falantes), e pasa a ser unicamente empregada nos ámbitos socioculturais baixos, sendo desprezada nos altos.

Na práctica totalidade dos Estados europeos (maioritariamente plurilingües), a situación de diglosia está á orde do día, polo que hai un gran número de comunidades que contan con linguas minorizadas. En Europa, as linguas minorizadas (por exemplo, bretón ou sardo) están nunha situación aínda peor que en España o galego, o catalán e o éuscaro. Isto débese a que o actual marco legal español (incluíndo a Constitución do 78 e o Estatuto de Autonomía do 81) senta as bases que poden levar á normalización destas linguas. Non obstante, a intervención dos diferentes sectores sociais é tamén básica para esta recuperación. No caso do galego, precísase:

  • Acción institucional (do poder político): Levada a cabo pola Xunta, os Concellos, as Deputacións…
  • Acción colectiva non institucional: Fronte ás eivas e o esquecemento do grupo anterior, aparecen asociacións e colectivos moi importantes para a normalización como a “Mesa pola Normalización Lingüística”.
  • Acción individual: Precísase tamén que a xente tome conciencia individual da situación da lingua (por exemplo, a través de plans de dinamización que favorezan unha actitude positiva de cara á mesma) e decida apoiala a través do seu uso e defensa. Hoxe, a perda progresiva de falantes fai este apoio máis necesario que nunca para evitar que o galego se transforme nunha “lingua ritual”. A pesar de todo, esta acción é inútil sen o apoio dos grupos anteriores…

Marco Legal e Institucional

Tras a morte de Franco (1975), as Cortes democráticas aproban a actual Constitución (1978), na que se establece a cooficialidade de galego e castelán en Galicia. O recoñecemento oficial chegou coa aprobación do Estatuto de Autonomía (1981), e tamén tivo unha gran importancia para a nosa lingua a Lei de Normalización Lingüística (1983).

Con isto, o galego pasa a ser a lingua oficial da Xunta de Galicia (así como das súas Delegacións e do Parlamento). Tamén cobra un gran peso no ensino obrigatorio (Primaria e Secundaria), pero menos no Universitario. Nalgún momento, a porcentaxe de asignaturas impartidas en galego chegou a ser do 50%, pero houbo protestas e acabou por ser reducida (pasóuselle a dar máis importancia ao inglés). Ademais, en 2004 apróbase o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que pretende potenciar o galego.

Presenza en Diversos Ámbitos

Noutros ámbitos (por exemplo, no xudicial e no eclesiástico), prescíndese practicamente do uso do galego. A pesar de todo, hai que valorar que estea en ámbitos nos que antes resultaba impensable poder atopalo (universitario, político, cultural, institucional, e incluso comercial, no que está gañando cada vez máis importancia). Ademais, a crecente presenza do galego na Internet contribúe a darlle prestixio.

Situación Sociolingüística Actual

Falando de cifras, a realidade é cada vez máis negativa: a perda de falantes acentúase, especialmente entre a xuventude (só un de cada catro menores de quince anos son galegofalantes). É destacable, porén, que deixou de ser unha lingua unicamente rural para estar presente tamén en vilas e cidades (aínda que en pouca medida).

O Galego Estándar

Por último, en canto ao estudo da lingua, estamos na fase do galego estándar, cunha norma escrita e culta que se estuda, contribuíndo á eliminación de interferencias e desviacións das anteriores etapas. O galego adáptase á súa nova situación e aos seus novos ámbitos de uso (incluído o académico).

Descargar

PDF Word HTML