A Normalización do Galego Tras o Alzamento Militar de 1936
O alzamento militar de 1936 supuxo un freo ao desenvolvemento que se estaba a producir na normalización do galego mediante a represión dos seus representantes, que foron axustizados (Alexandre Bóveda) ou se viron obrigados a exiliarse (Castelao). Os que quedaron en Galicia foron desposuídos dos seus cargos (O. Pedrayo).
Prodúcese un empobrecemento da economía que trae consigo procesos migratorios do campo á cidade, feito que repercutiu na perda de falantes do galego en favor dos do castelán. Outros factores que influíron no descenso de falantes son a extensión da escolarización, a aparición de novos medios de comunicación audiovisual, a intensa propaganda contra o galego e a introdución de novos valores culturais.
Todo isto provoca que os galegofalantes enchen o seu galego de interferencias do castelán. A partir da década dos 50, comeza un lento proceso de recuperación de ámbitos de uso para o idioma. A iniciativa máis destacada foi a fundación da Editorial Galaxia, un proxecto dos galeguistas de posguerra que quedaron en Galicia.
A editorial vai recuperar autores que xa publicaran durante a Segunda República e dará a coñecer novos autores coa colección Illa Nova. Comeza a editarse a revista Grial, que está presente aínda no mercado actual.
A reaparición de obras editadas en galego provoca un novo proceso de reivindicación dunha norma para a nosa lingua. Por iso, Galaxia impón unha tendencia marcada pola simplificación do galego escrito, eliminando apóstrofes e simplificando os guións e os distintos tipos de acentos. Tamén se asume a necesidade de eliminar arcaísmos e hiperrenxebrismos, así como a adaptación do idioma ao ámbito urbano.
A xeración de posguerra, ademais do seu labor individual para a continuidade da literatura galega, contribúe á continuidade do traballo que se levara a cabo no primeiro terzo do século XX con obras como A Historia da Literatura Galega Contemporánea ou A Gramática Elemental do Galego Común, ambas de Carballo Calero; o Dicionario Enciclopédico Galego-Castelán de Eladio Rodríguez e o Dicionario Galego-Castelán de Xosé Luis Franco Grande.
A gramática de Calero supera as anteriores (Saco e Arce) grazas á súa mellor formación lingüística, pero os dicionarios seguen carecendo de rigor científico.
A década dos 60 supón a revitalización da actividade cultural coa aparición de asociacións culturais por toda Galicia (O Galo, Facho). Comezan a aparecer na vida pública organizacións políticas clandestinas como o Partido Socialista Galego ou a Unión do Pobo Galego, que empregan o galego como lingua nos seus panfletos e manifestacións.
A finais dos 70, entran nunha nova etapa, onde a lingua goza de recoñecemento legal e da obriga da súa conservación por parte das institucións, tal como recollen a Constitución Española e o Estatuto de Autonomía.