A Normalización do Galego e a Súa Evolución Histórica

Lingua e literatura4,14 KB

A Lingua Galega en Vías de Normalización

O actual marco legal (Constitución de 1978, Estatuto de Autonomía, Lei de Normalización Lingüística e Plan Xeral de Normalización Lingüística) senta as bases que poden conducir á recuperación e á normalización da lingua, pero cómpre a intervención dos diferentes sectores sociais:

  • Acción institucional do poder político: Xunta, Concellos e Deputacións, elementos indispensables no proceso de normalización.
  • Acción colectiva non institucional: exercida por asociacións e colectivos (como a Mesa pola Normalización Lingüística) xoga un papel importante fronte ás eivas e esquecementos dos integrantes do grupo anterior.
  • Acción individual: Supón un esforzo persoal e consciente para romper hábitos e condutas de desleixamento cara á situación social do idioma.

Nunca, desde a Idade Media, o galego dispuxo de tantas armas: oficialidade, mellora na consideración social, presenza no ensino e na cultura. Pero nunca o perigo de substitución foi tan claro: ausencia de transmisión xeracional, presenza mínima nos medios de comunicación de masas... A cultura agraria e mariñeira, que foi a que mantivo a lingua, está a desaparecer; aínda que está a medrar unha nova adhesión noutros ámbitos.

Nas enquisas, unha maioría é favorable ao uso do galego e veo positivamente. Pero segue existindo xente que o considera de segunda, sen interese para o futuro. Outros cren que é "a nosa lingua", que hai que promover o seu uso en todos os niveis, que é un valor engadido que nos sitúa no mundo dándonos unha identidade e achegándonos á comunidade de fala galego-portuguesa.

Para uns, a situación da lingua é óptima, a normalización clara e suficiente. Para outros, o futuro é moi escuro, non hai interese real pola normalización. Os datos do Instituto Galego de Estatística en 2019 son preocupantes para o galego cara á normalización do seu uso.

O Galego no Primeiro Terzo do Século XX: Características

No primeiro terzo do século XX, cómpre sinalar que o galego comeza a usarse en ámbitos dos que desaparecera ou nunca estivera presente (narrativa, ensaio, discurso político, correspondencia privada...). Destacaremos:

  1. A creación das Irmandades da Fala (1916) que teñen como finalidade a utilización exclusiva do galego en todo tipo de actos e escritos, así como impulsar a narrativa e o teatro.
  2. O Grupo Nós estende o uso do galego a todos os xéneros literarios e será o responsable da revista Nós, escrita integramente en galego.
  3. No Seminario de Estudos Galegos investigan Galicia desde diferentes campos: histórico, social, político...
  4. O Partido Galeguista, no que militarán durante a II República personalidades como Castelao ou Bóveda, liderará a redacción dun Estatuto de Galicia, no que se inclúe –entre outras cousas– o ensino do galego e en galego. Aprobado en xuño de 1936, non poderá entrar en vigor ao iniciarse a Guerra Civil poucos días despois. Porén, propiciará a consideración de Galicia como nacionalidade histórica (xunto con Cataluña e Euskadi) ao instaurarse a democracia en 1978. Outras iniciativas dignas de ser citadas son as editoriais Lar, Nós ou a publicación de diferentes estudos lingüísticos.

Fronte a esta emerxente situación cultural, e aínda que o galego continúa a ser moi maioritario no país (sobre o 90% da poboación, especialmente nas clases baixas), acelérase o proceso de substitución polo castelán, que avanza como lingua de relación habitual, mentres o número de falantes monolingües en galego vai descendendo.

No que se refire á lingua utilizada na escrita, non existe aínda un modelo único; continúan os intentos de crear unha norma (xa se publican algúns dicionarios e gramáticas).

Descargar

PDF Word HTML