A Narrativa e o Ensaio na Literatura Galega do Século XX
Vicente Risco
Risco cultivou tamén a narrativa (O porco de pé, feroz sátira antiburguesa con gran carga humorística) pero a súa obra é fundamentalmente ensaísta.
A máis antiga narración de Risco é a novela curta "Do caso que lle aconteceu ó Dr. Alveiros" (1919), pouco despois de se incorporar ao galeguismo. A historia en si ten unha rebuscada sinxeleza. Bieito Alveiros, médico de profesión, un tanto misántropo e afeccionado aos saberes ocultos, entra en contacto epistolar cun personaxe un tanto peculiar, o Dr. Dehmel, quen anda á procura dun remedio que permita devolver o movemento á momia do faraón Tutankhamon.
Unha serie de relatos escritos antes de 1926 representan na obra risquiana a etapa afirmativa e optimista do seu galeguismo e correspóndese co período de maior fervor organizativo e doutrinario. En "A velliña vella" (1924) desenvolve unha defensa do valor da tradición na reivindicación da identidade nacional. En 1925, na colección Lar, aparecen conxuntamente dúas narracións breves (O lobo da xente e A trabe de ouro e a trabe de alquitrán). Ambas teñen carácter marcadamente popular e nelas Risco utiliza como instrumento narrativo os seus profundos coñecementos de etnografía galega. O primeiro relato encóntrase máis cerca do documento etnográfico e aborda unha lenda relativa ao mito do lobishome. A trabe de ouro e a trabe de alquitrán presenta unha maior complexidade. Ao igual que a anterior, tamén se nutre do folclore combinando elementos de distinta orixe (lendas, mouros soterrados, tesouros...).
Rafael Dieste
Pertencente á Xeración do 25, escribiu Dos arquivos do trasno (1926), colección de contos de temática variada que xiran ao redor da psicoloxía e das experiencias extraordinarias da xente galega. Vinculados a "Cousas" porque neles se conta só o esencial, sen elementos superfluos, hai lirismo e humorismo, mais o sentimento non é tan fondo como en Castelao.
Nos 26 contos do libro aparecen textos de terror, misterio, pantasmas, personaxes costumistas, algún texto futurista e mesmo unha pequena obra de teatro chamada "O drama do cabalo de xadrez".
O Ensaio
Todos estes autores (e outros moitos) foron ademais impulsores do ensaio e a investigación en galego, en torno ao Seminario de Estudos Galegos, grupo nacido na USC. Risco publicou no 1920 Teoría do Nacionalismo Galego, que servirá de guía dos nacionalistas antes da II República. Afastado das ideas nacionalistas, Castelao publica en Buenos Aires "Sempre en Galiza" (1944), que converterase na biblia do galeguismo despois da guerra civil. Ademais, tamén escribiu multitude de ensaios artísticos como "As cruces de pedra na Galiza" e "As cruces de pedra na Bretaña". Otero Pedrayo dedicouse fundamentalmente aos estudos xeográficos e históricos, entre os que podemos destacar "Ensaio histórico sobre a cultura galega" (1933). É importante tamén facer mención ao xornalismo desta época no que todos colaboraron desde "A Nosa Terra" á "Revista Nós".