Manuel Curros Enríquez: Vida e Obra Literaria

Outras linguas estranxeiras2,31 KB

Aspectos biográficos

Nace en Celanova en 1851, alí pasa a súa infancia ata que na adolescencia vai vivir —por conflitos familiares— co seu irmán a Madrid. Alí comeza a carreira de Dereito, que non rematará. Participa activamente na situación política do momento (a Revolución de 1868) e dedicarase profesionalmente ao xornalismo.

Regresará a Galicia na década dos 80 e será en Ourense onde se presente a un certame literario cos poemas "Unha voda en Einibó", "O gaiteiro" e "A Virxe do Cristal", que gañará e suporá a súa presentación como poeta. Emigra a Cuba e colabora cos intelectuais galegos. Falece en Cuba en 1908 e os seus restos serán repatriados á Coruña.

Obra poética

Curros Enríquez só publicará dúas obras poéticas: Aires da miña terra e O divino sainete.

Aires da miña terra

Nesta obra de marcado carácter reivindicativo e social distinguimos tres eixos temáticos fundamentais:

  • Liña cívica ou social: Curros cría que a literatura tiña que ter unha función social de compromiso co pobo galego. Denuncia as inxustizas e opresións cara aos máis débiles, especialmente os labregos, e tamén critica os caciques e os fidalgos.
  • Liña costumista: Nela recrea lendas e tradicións populares, pero cun matiz reivindicativo.
  • Liña intimista: Nela aparecen reflectidos os sentimentos de nostalxia (pola morte de Rosalía de Castro e da súa nai) e de ledicia (polo nacemento dun fillo).

O divino sainete

É un longo poema narrativo que parodia a Divina comedia de Dante. Nel, Curros, xunto con Francisco Añón, fai unha peregrinaxe a Roma para gañar o xubileu. No tren no que viaxan, cada vagón simboliza un pecado capital e Curros atópase con xente coa que el tivo algún conflito na súa vida. Estas persoas viaxan en vagóns como a preguiza, a luxuria, a envexa, a avaricia, a gula, a ira e a soberbia, supoñéndose que tamén viaxan a Roma para seren absoltos deses pecados. Ao chegar a Roma, Curros e Añón reúnense co Papa León XIII e pídenlle que abandone as riquezas e que leve unha vida máis sinxela.

Descargar

PDF Word HTML