Literatura Galega: Séculos Escuros ao XIX
Poesía de Temas Históricos ou de Circunstancias
Poesía de temas históricos ou de circunstancias - O Pranto da Frouseira (finais do século XV) é un poema de 32 versos no que un poeta pon en boca da propia fortaleza os lamentos pola morte do mariscal Pedro Pardo de Cela e do seu fillo, decapitados na praza maior de Mondoñedo en 1483 por rebelarse contra os Reis Católicos. Conservamos tamén un poema do século XVII referido ao Saqueo de Cangas polos turcos en 1617.
Poesía Académica
Poesía académica - As poucas mostras de literatura culta que conservamos da época teñen escaso valor literario, pero si son importantes desde o punto de vista filolóxico. Son composicións creadas ao estilo da poesía castelá da época.
Poesía Renacentista
Poesía renacentista - O Soneto de Monterrei é unha composición anónima que data do ano 1530, aproximadamente. É un poema dialogado, semellante a unha pastorela, no que un cabaleiro lle declara o seu amor a unha pastora. Outro texto renacentista conservado é un soneto da condesa de Altamira, dona Isabel de Castro e Andrade (1520-1582). Este poema, dedicado a Alonso de Ercilla, data de 1578; ano no que o autor publicou a segunda parte de La Araucana.
Poesía Barroca
Poesía barroca - No volume dedicado ás Exequias á Raíña Margarida de Austria (1612), publicado para laiar a morte da esposa de Felipe, hai dúas composicións en galego, datadas en 1611: o soneto Respice finem, do médico Pedro Vázquez de Neira, e o Soneto con falda de Xoán Gómez Tonel, alguacil maior do reino de Galicia e editor da obra.
Tamén do século XVII son as Décimas ao Apóstolo Santiago (1617), nas que o crego Martín Torrado, abade de Urdilde, critica con fina ironía a pretensión de Felipe IV de que santa Teresa compartise o padroado de España co Apóstolo. Por último, conservamos algunhas composicións das Festas Minervais, certames literarios que se viñan celebrando anualmente na universidade de Santiago desde 1536 na honra de don Alonso de Fonseca, que fora arcebispo de Santiago e fundador da mesma. Concretamente, do certame de 1697 publicouse o volume Fiestas Minervales y aclamación perpetua a la Musa, no que se recollen nove romances en galego.
Poesía do Século XIX
Poesía - A comezos do XIX continúa a tradición do vilancico galego de Nadal. O cultivo da poesía foi escaso e as composicións apareceron espalladas por diferentes xornais e revistas. Os autores máis salientables son os seguintes:
- Nicomedes Pastor Díaz (Viveiro, 1811 - Madrid, 1886): Importante poeta do Romanticismo español, escribiu nos seus anos mozos dúas obras en galego: unha Alborada de tema amoroso e a Égloga de Belmiro e Benigno, na que dous pastores choran as súas penas de amor.
- Vicente Turnes (Santiago, 1786-1865): Foi tamén autor relevante da primeira metade do século XIX. En galego escribiu diversos poemas de circunstancias, vilancicos e diálogos.
Teatro do Século XIX
Teatro - Durante a guerra contra os franceses representábanse obras en galego coas que se pretendía animar o pobo na loita contra o invasor; non obstante, non sabemos moito delas, igual que sucede con outras pezas que se editaron ao longo da primeira metade do século.
Antonio Benito Fandiño
Escribiu en 1812 A Casamenteira, cando se atopaba preso no cárcere de Santiago polas súas ideas liberais; a obra foi publicada en 1849. Como o seu título insinúa, trata dos casamentos amañados.