Glosario de Sociolingüística e Conceptos Clave da Narrativa

Lingua e literatura3,14 KB

Glosario de Termos Sociolingüísticos

Sociolingüística

Disciplina ou rama da lingüística e a socioloxía que estuda as relacións entre as variedades ou linguas e os grupos sociais.

Bilingüismo

Capacidade dunha persoa ou sociedade determinada de falar, entender, ler ou escribir dúas linguas.

Diglosia

Situación nunha sociedade determinada na que os falantes empregan dúas linguas en función da situación ou do grupo social ao que pertenzan.

Tipos de Diglosia

  • Adscricional: Distintos grupos sociais nunha mesma sociedade falan linguas ou variedades distintas.
  • Funcional: Todos os membros dunha comunidade falan dúas linguas ou variedades que usan segundo os contextos.

Nota: Adóitase chamar lingua A a de usos formais e/ou grupos predominantes e lingua B a de usos informais e/ou grupos de menor prestixio.

Conflito Lingüístico

Situación na que, nun contexto de diglosia, a lingua A despraza a lingua B nos seus ámbitos de uso (sexan funcionais ou adscricionais) e/ou a lingua B recupera ou inicia o uso en ámbitos formais, escritos ou en contornas nas que non estaba presente.

Lingua Minoritaria

Lingua cun número de falantes inferior ao doutra nunha sociedade determinada.

Lingua Minorizada

Lingua que, por cuestións sociais, económicas, políticas ou históricas, non ten usos formais, estando restrinxida a un ámbito coloquial ou a grupos sociais desfavorecidos.

Competencia Lingüística

Capacidade de falar, entender, ler ou escribir unha lingua (oral ou escrita). Pode ser activa ou pasiva.

Uso Lingüístico

A forma en que unha lingua se emprega (oral, escrito, activo, pasivo).

Actitudes Lingüísticas

Posicionamentos ou valoracións respecto do uso ou do prestixio das linguas.

Normalización Lingüística

Proceso mediante o que unha lingua B pasa a ter usos, funcións ou ámbitos que non tivera ou que perdera.

Normativización Lingüística

Proceso de fixación ou creación da normativa estándar dunha lingua.

Conceptos de Narrativa Experimental

Definición de Narrativa Experimental

Conxunto de textos (relatos ou novelas breves) cunha serie de características que consisten basicamente na ruptura coa estrutura e as técnicas da narrativa tradicional, tales como:

  • Estrutura clásica (introdución, nó, desenlace).
  • Tempo e espazo determinados.
  • Fío argumental con personaxes con distintos intereses que se resolven finalmente.
  • Narrador omnisciente ou protagonista en 3ª ou 1ª persoa.

Características (Libro 252)

  • Experimentación cos narradores: Uso de técnicas como o monólogo interior, o estilo indirecto libre, o obxectivismo (ollo cinematográfico) ou a técnica magnetofónica.
  • Obxectalismo: Personaxes tratados coma obxectos, sen alma, en ocasións convertidos en insectos (metaforicamente ou insectos con conciencia).

Descargar

PDF Word HTML