Familias lingüísticas da Península Ibérica e o español
Familias lingüísticas: As linguas que teñen unha orixe común pertencen á mesma familia lingüística e considéranse linguas irmás entre si. A lingua de orixe chámase lingua nai (o latín no caso das linguas románicas). Todas as linguas da Península Ibérica son linguas románicas menos o éuscaro. Segundo o parentesco lingüístico, a máis próxima ó galego é o portugués. O latín pertence á familia indoeuropea. As linguas xermánicas, as célticas, as bálticas, as eslavas e o grego son tamén de orixe indoeuropea. Algunhas linguas indoeuropeas fálanse noutros continentes debido ás colonizacións.
A lingua con maior número de falantes é o chinés mandarín. No caso do portugués, o seu antigo imperio colonial espallou a lingua en diversas zonas do mundo, e hoxe fálana arredor de 200 millóns de persoas nos estados en que é lingua oficial. En moitos dos estados nacidos nos antigos territorios coloniais impúxose a lingua da antiga metrópole, pero noutros sobreviviron as linguas autóctonas. A colonización europea durante séculos e actualmente a mundialización das comunidades están provocando que unhas poucas linguas se convertan en dominantes, causando a desaparición doutras.
As linguas da Península Ibérica: Divídese en 3 estados: Portugal, España e Andorra, que constitúen un bo exemplo da diversidade lingüística existente en Europa. Andorra é oficialmente monolingüe en catalán, pero debido ó turismo presenta gran variedade de linguas (francés, castelán, portugués...) nun territorio moi reducido. Portugal, aínda que é máis extenso, é practicamente monolingüe, e conta con dúas linguas oficiais (o portugués e o mirandés). No Estado español, coexisten sete linguas.
Linguas do Estado español: Case a metade dos cidadáns que habitan no territorio do Estado español reside en áreas xeográficas onde o castelán convive con outra lingua propia desa área. As linguas faladas no Estado español son sete: galego, astur-leonés, castelán, éuscaro, aragonés, catalán e aranés. Todas son linguas románicas ou neolatinas, menos o éuscaro, de orixe descoñecida. O castelán é a única lingua oficial en todo o Estado.
As linguas de España diferentes do castelán, para que sexan consideradas linguas cooficiais no seu territorio, deben ser recoñecidas como tales nos respectivos estatutos de autonomía. Dúas das sete linguas de España, o astur-leonés e o aragonés, non teñen status legal de cooficialidade en ningunha das comunidades onde se falan. Todas as comunidades que recoñecen a cooficialidade das súas linguas propias aprobaron as respectivas leis de normalización lingüística, co fin de promover e regular o seu coñecemento e o seu uso, compensando así a situación de inferioridade en que se atopan con respecto á lingua estatal.