Cultura Galega: Exilio, Nova Narrativa e Estandarización

Lingua e literatura3,6 KB

O Traballo Cultural do Exilio Galego

Entre os exiliados, figuras como Luis Seoane, Eduardo Blanco Amor, Emilio Pita, etcétera, puxeron en marcha diversas iniciativas para manter viva a cultura galega:

  • Edición de revistas culturais e literarias.
  • Creación de canles para a publicación de libros galegos.
  • Consolidación dun teatro galego, coa fundación do Teatro Popular Galego.
  • Creación de textos orixinais por parte de autores como Eduardo Blanco Amor e Rafael Dieste.

Realizouse un extenso labor de divulgación da cultura galega entre a colectividade emigrante. En México, houbo outro foco importante de vida cultural no exilio. Alí creáronse revistas como Saudade, Loita e Vieiros, dirixidas por Luis Soto. Tamén en Londres, creouse un programa de radio que se transmitía para Galicia a través da BBC.

A Nova Narrativa Galega (1954-1970)

Foi un movemento da narrativa galega producido entre 1954 e 1970. Caracterizouse por:

  • Estar protagonizado por autores novos con formación universitaria.
  • Rachar coas formas de narración tradicionais (como a omnisciencia en terceira persoa) e optar por múltiples formas narrativas (a primeira persoa, a narración epistolar).
  • Renunciar á linealidade temporal e á localización espacial concreta.
  • Empregar espazos urbanos, desbotando o ruralismo.
  • Rexeitar os argumentos lóxicos, así como os personaxes tradicionais, dándolle entrada ao mundo dos soños.
  • Concibir o ser humano como un obxecto máis, moi degradado.
  • Renegar do enxebrismo, procurando a universalidade dos textos que se escriben.
  • Introducir temas como o sexo, a violencia e o absurdo existencial.
  • Recibir influencias do Nouveau Roman francés, e de escritores como Proust, Joyce ou Camus.

A Variedade Estándar: Elaboración e Función

Todas as linguas están integradas por diferentes tipos de variedades. Naquelas linguas que son escritas e usadas en ámbitos formais, créase unha variedade denominada estándar, que se superponse a todas as demais e é común a todos os falantes. Nos usos formais da lingua, adoitamos empregar esta variedade, tanto na escrita como na oralidade.

A elaboración dunha variedade estándar forma parte do proceso de normalización dunha lingua e chámase normativización ou estandarización.

Opcións na Selección do Estándar

Na selección do estándar pódense seguir dúas opcións principais:

  • Escoller unha variedade dialectal concreta e outorgarlle o status de estándar. Os motivos da escolla son de tipo político, histórico ou económico, pero non lingüístico.
  • Elaborar a variedade estándar a partir de trazos das diferentes variedades dialectais.

Criterios para a Selección de Variantes Dialectais

Os criterios para seleccionar unhas variantes dialectais foron os seguintes:

  • Maior extensión xeográfica e/ou demográfica.
  • Maior presenza na tradición literaria.
  • Harmonización coas outras linguas románicas, sobre todo o portugués.

Desde o punto de vista lingüístico, todos os dialectos teñen idéntico valor. Non obstante, a variedade estándar adoita acadar maior prestixio social. Dado que as linguas non son entidades uniformes, o proceso de estandarización debe manterse no tempo.

Descargar

PDF Word HTML