O Milagre Económico Español (1959-1974): Transformación e Crecemento
O Milagre Económico Español (1959-1974)
Transformación e crecemento
A partir de finais da década dos anos cincuenta e ata 1974, a economía española medrou a un ritmo sen precedentes na historia económica do século XX. España incorporouse definitivamente, aínda que mantivo un nivel de renda por habitante inferior, ao reducido grupo dos países industrializados. Este crecemento económico foi o resultado, en primeiro lugar, da fase expansiva dominante daquela na Europa máis desenvolvida e, en segundo lugar, dunha base industrial interna consolidada ao longo do século. Sen estes elementos, o conxunto de medidas de liberalización da economía adoptadas polo goberno en 1959 terían acadado escasos resultados.