O Milagre Económico Español (1959-1974): Transformación e Crecemento
O Milagre Económico Español (1959-1974)
Transformación e crecemento
A partir de finais da década dos anos cincuenta e ata 1974, a economía española medrou a un ritmo sen precedentes na historia económica do século XX. España incorporouse definitivamente, aínda que mantivo un nivel de renda por habitante inferior, ao reducido grupo dos países industrializados. Este crecemento económico foi o resultado, en primeiro lugar, da fase expansiva dominante daquela na Europa máis desenvolvida e, en segundo lugar, dunha base industrial interna consolidada ao longo do século. Sen estes elementos, o conxunto de medidas de liberalización da economía adoptadas polo goberno en 1959 terían acadado escasos resultados.
O Plan de Estabilización (1959)
A acción correctora que se seguiu na política económica veu da man do chamado Plan de Estabilización (1959). O seu contido simboliza, asemade, a fin do soño autárquico e o inicio da última etapa da industrialización en España. A necesidade dun Plan de Estabilización tivo a súa orixe na falta de reservas de ouro e divisas para facerlle fronte ao desequilibrio entre importacións e exportacións. A cambio do compromiso do goberno español de reducir o intervencionismo, o déficit público e os obstáculos á entrada de mercadorías do exterior, diversos organismos internacionais concederon préstamos cos que facer fronte á mingua das reservas.
Os Plans de Desenvolvemento
Ao programa liberalizador engadiuse a posta en marcha dos Plans de Desenvolvemento Económico e Social, de clara inspiración francesa, o primeiro dos cales foi aprobado en decembro de 1963. En total, promulgáronse tres plans de vixencia cuadrienal (1964-67, 1968-71, 1971-75) cun carácter netamente indicativo ao ser a iniciativa privada o motor do desenvolvemento económico. A planificación centrou o seu interese no sector industrial e propiciou unha serie de actuacións para mellorar a eficiencia da estrutura empresarial, sectorial e rexional. Emprendéronse dúas grandes liñas de actuación: as accións estruturais, que pretendían solucionar algunhas deficiencias da industria (pequena dimensión das empresas, baixa produtividade...) e a creación dos polos de desenvolvemento, que intentaba reducir os desequilibrios económicos rexionais promovendo novas industrias en zonas de escasa industrialización.
Con todo, a planificación non foi a causa do dinamismo económico dos anos sesenta, xa que as previsións dos plans raramente se cumpriron. O seu maior interese residiu en proporcionarlle á iniciativa privada infraestruturas (electrificación, refinerías de petróleo, estradas, etc.) e produtos básicos (aceiros, carbón, aluminio, etc.) que permitiron o crecemento industrial no marco da favorable conxuntura económica internacional.
Consolidación da industria e os servizos (1959-1973)
Desde o ano 1959 ata 1973, a industria e os servizos consolidáronse como as actividades fundamentais da economía española. Ata o ano 1966, a taxa anual de aumento do PIB foi moi superior á media do resto dos países europeos, mentres que a produción industrial aumentaba a un ritmo aínda maior. Como resultado, a renda por habitante medrou en termos reais nun 40% entre as dúas datas, ao mesmo tempo que o consumo privado tamén ascendeu considerablemente. A partir de 1966, o ritmo de crecemento foi moderado, pero tamén importante.
Impulso industrial e aumento das exportacións
O crecemento industrial estivo impulsado polo uso de técnicas de produción máis avanzadas e pola acumulación de capital. O aumento das importacións de tecnoloxía axudou a mellorar a produtividade da industria, moi modesta naqueles anos. Paralelamente, aumentou o peso dos sectores que fabricaban produtos de bens de equipo, unha das carencias tradicionais da industria española. As melloras na produtividade permitiron baixar os prezos e isto favoreceu o aumento das exportacións, multiplicando o seu volume por seis. Por primeira vez na historia de España, os produtos agrícolas deixaron de ser o principal produto de exportación español e os bens acabados pasaron a ser os maioritarios en vendas ao estranxeiro.
Aumento dos salarios e do consumo
Doutra banda, as ganancias na produtividade permitiron o aumento dos salarios —a pesar da ilegalidade dos sindicatos democráticos— sen lle afectar negativamente ao investimento, cunhas taxas de aumento que alcanzaron máximos históricos. Ao mesmo tempo, salarios máis elevados para segmentos máis amplos de traballadores e a difusión das compras a prazos conduciron a un grande aumento da demanda de bens de consumo. Foi daquela cando se alterou a estrutura do consumo, coa redución do peso dos alimentos e o aumento dos bens de consumo duradeiro como vehículos e electrodomésticos (frigoríficos, lavadoras, televisores...), a compra dos cales pasou a formar parte das aspiracións dun bo número de españois.
Limitación na creación de emprego
A mellora tecnolóxica destes anos, ao aforrar man de obra, limitou a creación de emprego. Malia o fortísimo ritmo de crecemento económico, entre os anos 1964 e 1973 o emprego neto aumentou menos dun 10% e nun bo número de rexións reduciuse. Isto deu lugar durante os anos sesenta…