Vida e obra de Rosalía de Castro: unha análise da súa traxectoria literaria

Lingua e literatura2,77 KB

Rosalía de Castro: Unha vida marcada pola literatura

Infancia e mocidade

Rosalía de Castro naceu froito dunha relación ilexítima. O seu pai estudaba para sacerdote e os seus pais non estaban casados. Foi acollida por unha tía paterna en Padrón, onde entrou en contacto co mundo popular e coa lingua galega, algo fundamental na súa obra.

Aos trece anos, a súa nai recoñécea e van vivir a Santiago de Compostela. Alí, Rosalía estuda na Sociedade Económica de Amigos do País, unha institución da Ilustración que promovía a cultura. Tamén acude ao Liceo da Xuventude, un centro cultural frecuentado pola primeira xeración de intelectuais galegos. Sábese que Rosalía participou activamente neste lugar, onde coñeceu a Eduardo Pondal e a Aurelio Aguirre.

Aurelio Aguirre foi o poeta máis importante da mocidade compostelá da época. Escribía en castelán e suicidouse, posiblemente por un desamor. Crese que Rosalía se inspirou nel para algunhas das súas obras, como "Negra Sombra".

Vida adulta e matrimonio con Manuel Murguía

Parece que a vida de Rosalía e da súa nai en Santiago foi difícil debido á condición de filla ilexítima de Rosalía. Por iso, mudáronse a Madrid, onde viviron cun familiar. En 1857, Rosalía publica "La Flor", o seu primeiro libro, que a pon en contacto con Manuel Murguía.

Murguía chegara a Madrid buscando o éxito literario. Levaba unha vida bohemia e traballaba en publicacións de prensa. Un día, tivo que facer unha crítica do libro de Rosalía, o que os uniu. Namoráronse e casaron pouco despois.

Este matrimonio representa as dúas caras do Rexurdimento galego. Murguía, un importante intelectual, historiador e promotor da lingua e cultura galegas, sentou as bases do galeguismo político. Rosalía, pola súa banda, buscaba a calidade literaria nas súas obras e impulsou o traballo da primeira xeración de intelectuais galegos. Unha característica excepcional da época foi o apoio que Murguía lle deu a Rosalía no seu traballo literario.

Últimos anos e legado

Desde o seu casamento, a vida de Rosalía estivo chea de dificultades. Viviron con poucos recursos económicos e tiveron sete fillos, dous dos cales morreron. Tamén sufriu a morte da súa nai. A familia viaxou por varias cidades españolas buscando traballo para Murguía. Durante esta época, Rosalía escribiu "Follas Novas", publicado en 1880.

Máis tarde, volveron a Galicia, onde residiron en diferentes cidades e lugares. Nos seus últimos anos, estableceronse en Padrón, onde Rosalía escribiu "En las orillas del Sar", publicado un ano antes da súa morte.

Os seus restos repousan no Panteón de Galegos Ilustres, despois de seren exhumados do cemiterio de Iria Flavia, lugar sobre o que escribira.

Descargar

PDF Word HTML