Teatro Galego: Tendencias, Autores e Compañías (Finais do XX e Comezos do XXI)

Lingua e literatura5,49 KB

O Teatro de Fins do XX e Comezos do XXI: Temas e Autores

O marco no que se desenvolve a literatura dramática das últimas décadas vese afectado pola falta dun público consumidor de textos teatrais e polas escasas iniciativas editoriais. Estes feitos provocan que os premios e os certames literarios cobren un papel decisivo de canonización e estímulo creativo. Coleccións como a Biblioteca do Arlequín, os Libros do Centro Dramático Galego, o Premio Rafael Dieste ou os Cadernos da Escola Dramática Galega ofrecen aos autores unha plataforma de proxección.

Compañías e Normalización Teatral

Como referentes na normalización da vida teatral, xorden compañías estables. Ademais de Antroido e Troula, nacen Artello, Ítaca, Andrómeda, a Escola Dramática Galega e a Compañía Luís Seoane, que contou cunha sala permanente.

A finais dos oitenta, póñense en marcha novas mostras e festivais que van consolidando a creación dun tecido teatral básico: Teatro de Ningures, Teatro do Morcego, Chévere, e, como grupo institucional, o Centro Dramático Galego.

Tras a creación do IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais), aumenta o número de compañías: Ollomol-Tranvía, Factoría Teatro, e así ata un total de corenta e seis compañías rexistradas no ano 2000.

Liñas Temáticas do Teatro Galego

En canto ás liñas temáticas, podemos esquematizar:

  • Compromiso.
  • Culturalismo (liña metateatral).
  • Neorruralismo.
  • Comedia: (humor absurdo / crítico / irónico / iconoclasta).
  • Teatro histórico e mítico.
  • Teatro posmoderno.

Intertextualidade de carácter lúdico.

A Promoción de 1980

A liña culturalista revélase no simbolismo decadentista de A tertulia das máscaras ou no discurso metateatral de Cuarteto para unha noite de verán de Miguel Anxo Fernán-Vello.

Na peza ¡Un escenario chamado Fredenco! de Joao Guisan, desenvólvese o tema do triángulo amoroso, transformando o escenario no protagonista da historia de amor. En Teatro para se comer aparece un xogo do teatro dentro do teatro para nos mostrar con ironía un menú de amores e desamores.

Nunha liña máis crítica, desenvólvese o teatro de Xosé Luís Martínez Pereiro. O teatro dentro do teatro en Tres crimes en busca dunhas labazadas e o culturalismo ou pretendido "vangardismo" do noso teatro son temas tratados cunha visión paródica e corrosiva.

As pezas de Antón Reixa ou Xosé Carlos Cermeño achegan a esta liña de teatro irónico fórmulas iconoclastas e posmodernas.

Na corrente da intertextualidade, ou no aproveitamento de autores clásicos para crear novas pezas, atopamos a Paulino Pereiro, a Xosé María Álvarez Cáccamo ou a Suso de Toro.

A Xeración dos 90

Dramaturgos nados arredor dos 60 que van manter unha traxectoria máis continuada. Apréciase unha superación da liña estilizante anterior cara a propostas e linguaxes máis comunicativas. Nesta década confírmase o compromiso profesional co teatro galego, cada vez máis favorecido polas axudas á normalización que emprenden as institucións galegas. A creación de novos premios, bolsas de formación, subvencións, organizacións de festivais... favorecen a difusión do teatro e a consolidación de compañías estables (como Teatro do Atlántico, Teatro do Noroeste, Ollomol-Tranvía...).

Trazos xerais:

  • Menor carga simbólica.
  • Preferencia pola intertextualidade.
  • Coidado na estrutura da peza.
  • Redescuberta da comedia como modelo xenérico.
  • Converxencia entre literatura dramática e espectáculo.
  • Introdúcense aquí dúas tendencias tamén iniciadas no Grupo Abrente: o neorruralismo e a intertextualidade.
  • Primacía do carácter lúdico sobre o transcendental.
  • Cultivo da comedia e do teatro histórico.

Seguindo a tradición intertextualizadora de Manuel Lourenzo, citamos a Cándido Pazó, que constrúe as súas pezas tomando como punto de partida obras ou personaxes clásicos e artellando unha obra novidosa no tratamento, medida no seu ritmo e cunha exquisita sensibilidade lingüística. Destacan Commedia, un xoguete para Goldoni; Ramas de pedra; Ñau de amores.

A liña culturalista segue vixente en Henrique Rabuñal, que xa publicara na década anterior. Aparece, entre outras, Amleth, voz e verbo.

Quizais sexa Xavier Lama quen elabora unha dramaturxia que bebe nas nosas propias tradicións, tanto no tema como no tratamento. O esperpentismo que toma de Vidal Bolaño é significativo en O peregrino errante que cansou ao demo.

Matalobos e Estrema abren a liña neorruralista de Raúl Dans. A terra e a súa posesión son nestes casos o desencadeante dos enfrontamentos e da violencia. O mundo urbano, tamén violento, será tratado en O paso, e publica no 2008 Nachtmar.

Lino Braxe axunta en A promesa textos de diferente natureza (traxedia, monólogo, mímica, obras para marionetas ou guións radiofónicos) e liña temática (intertextualidade e metateatro). O monólogo A actriz recrea as interferencias entre teatro e vida.

O teatro de Imma Antonio Souto xira arredor do mundo feminino con reflexións sobre o amor, a soidade e o desencanto. Destaca Era nova e sabía a malvaísco.

Descargar

PDF Word HTML