Historia da normativización do galego: estándar, normas e desviacións

Lingua e literaturaActualizado o 3,97 KB

Resumo

O texto explica o proceso de normativización ou estandarización do galego, necesario para dotalo dunha variedade común para o ensino, a Administración e os medios. Recorre á súa historia desde o século XIX, cos primeiros dicionarios e gramáticas, ata as Normas ortográficas e morfolóxicas de 1970 e a creación do ILG. Tamén recolle os criterios que excluían da variedade estándar hipergaleguismos, vulgarismos, lusismos, castelanismos e interferencias.

Puntos clave

  • A normativización é o proceso de elaborar unha variedade estándar con ortografía, normas comúns, dicionarios e gramáticas.
  • O galego conservouse sobre todo como lingua oral e popular tras a súa subordinación nos séculos XVI e XVII.
  • Os primeiros dicionarios e gramáticas do galego comezan a aparecer na década de 1860.
  • Algunhas Normas para a Unificación do Idioma Galego, do Seminario de Estudos Galegos, son o antecedente máis claro, con engádega en 1936.
  • En 1970 a Real Academia Galega publica as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, e en 1971 créase o Instituto da Lingua Galega (ILG).
  • As pautas excluían hipergaleguismos, vulgarismos, arcaísmos, lusismos, castelanismos e interferencias innecesarias.

Ponte á proba

Historia da Normativización do Galego: Construción do Estándar e Desviacións

O galego aspira a ser un instrumento útil e eficaz para a sociedade do futuro, ademais de ser o núcleo cultural aglutinador de toda a comunidade galega; pero para iso precisa dunha variedade unificadora, común a todos os falantes, unha variedade que sirva de vehículo para a comunicación formal, a producida no ensino, nos medios de comunicación escritos e orais, na Administración, na actividade cultural, nos actos públicos... O proceso a través do cal se "elabora" esta variedade denomínase estandarización lingüística ou normativización.

O galego, debido á súa situación de subordinación nos séculos XVI e XVII, conservouse unicamente como lingua oral e popular. Só cando o galego comezou a recuperarse como lingua de cultura, a partir do século XIX, puido acometer o labor de estandarización, con moita posterioridade respecto ás linguas románicas xa normalizadas.

Normativización e Normalización: Conceptos Clave

O proceso de normativización dunha lingua está estreitamente relacionado co da súa normalización.

Elaboración do Estándar do Galego

A normativización é un proceso lento e laborioso, arredor do cal xorden con frecuencia polémicas. Os primeiros pasos para levalo a cabo son a fixación dunha ortografía, a escolla dunha variedade estándar (isto é, o establecemento dunhas normas comúns) e a elaboración de dicionarios e gramáticas. Disto ocúpanse os lingüistas e os filólogos. No caso do galego, os dicionarios e as gramáticas comezan a aparecer na década de 1860. Cómpre esperar ao século XX para que xurdan as primeiras propostas dunhas normas comúns, aínda que desde o século XIX os escritores xa se amosaban plenamente conscientes desta necesidade.

Antecedentes da Normativización

O antecedente máis claro na elaboración da variedade común ou estándar atópase en Algunhas Normas para a Unificación do Idioma Galego, que publicou o Seminario de Estudos Galegos, coa posterior Engádega ás Normas para a Unificación do Idioma Galego en 1936.

A Normativización na Posguerra e a Creación do ILG

Na década dos anos setenta, logo do silencio da posguerra, a Real Academia Galega saca á luz os primeiros resultados no proceso de estandarización. En 1970 aparecen as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. En 1971 créase na Universidade de Santiago o Instituto da Lingua Galega (ILG), órgano fundamental, xunto coa Real Academia Galega, para que o labor de normativización se poida levar a cabo. O ILG publica nesa década os primeiros métodos de aprendizaxe do noso idioma: Galego 1, 2 e 3.

Pautas para a Variedade Estándar: Exclusións

As Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego pretenden elaborar "unha lingua común asentada na fala, depurada de castelanismos, supradialectal, enraizada na tradición, coherente e harmónica coas demais linguas de cultura". Esas pautas esixen excluír da variedade estándar:

  • O diferencialismo radical (hipergaleguismos): a falsa "galeguización" de formas que coinciden co castelán (*zoa, *semán...).
  • Os vulgarismos: resultado dalgún tipo de vacilación, vocálica ou consonántica, en moitos casos por adición ou supresión dun elemento (*soio, *espranza...).
  • A evasión cara á lingua medieval (arcaísmos).
  • Os lusismos: termos do portugués que substitúen a forma galega (*até, *luta...).
  • Os castelanismos: vocábulos casteláns que substitúen aos galegos (*a mel, *andivera...).
  • As interferencias: aqueles préstamos innecesarios para cuxo significado temos unha forma galega; a maior parte proceden do castelán ou do inglés (*hall, *chic...).

Descargar

PDF Word HTML

Preguntas frecuentes

Que é a normativización dunha lingua?

É o proceso de elaborar unha variedade estándar, común a todos os falantes, que sirva para a comunicación formal. Inclúe fixar a ortografía, escoller a variedade estándar e elaborar dicionarios e gramáticas.

Cando se publicaron as primeiras normas ortográficas do galego?

As Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego publicáronse en 1970 pola Real Academia Galega. Antes existían as Normas para a Unificación do Idioma Galego do Seminario de Estudos Galegos.

Que é o ILG?

O Instituto da Lingua Galega é un órgano creado en 1971 na Universidade de Santiago. Xunto coa Real Academia Galega, foi fundamental para o labor de normativización.

Que son os lusismos e por que se excluían?

Os lusismos son termos do portugués que substitúen a forma galega, como *até ou *luta. Excluíanse porque o estándar debía ser depurado de influencias alleas.

Ponte á proba

Tarxetas de repaso

Preme nunha tarxeta para ver a resposta.

Test

1. Que significa normativizar unha lingua segundo o texto?
2. Por que o galego tardou en estandarizarse?
3. Cando aparecen os primeiros dicionarios e gramáticas do galego?
4. Que organismo publicou as Normas ortográficas e morfolóxicas de 1970?
5. Que se excluía da variedade estándar como lusismo?
6. Que tipo de interferencia se rexeitaba?

Preguntas xeradas con IA a partir do documento: comproba as respostas co texto.