O Teatro Galego nas Primeiras Décadas do Século XX: Historia e Autores Clave
O Teatro Galego nas Primeiras Décadas do Século XX
O teatro galego das primeiras décadas do século XX representa a continuidade da tradición literaria galega de carácter costumista, con escenas da vida rural e escrito en verso.
As Irmandades da Fala e a Normalización Teatral
Para as Irmandades da Fala, o teatro era moi importante porque era un xénero que precisaba de normalización na literatura galega, pero tamén pola súa utilidade para espallar a ideoloxía nacionalista entre un público desalfabetizado. Coa fin de crear un teatro galego desde a renovación estética e técnica, as Irmandades crearon en 1919 o Conservatorio Nacional de Arte Galego. Máis tarde, en 1922, nacería a Escola Dramática Galega.
Renovación e Temáticas nos Anos 20 e 30
Nos anos 20 e 30, autores como Ramón Cabanillas, Antón Vilar Ponte, Armando Cotarelo Valledor e Leandro Carré dáronlle un pulo significativo á renovación do teatro galego, co afán de conquistar novos públicos. As súas temáticas eran máis universais, apartándose da intención propagandística. Malia isto, o teatro costumista seguiría sendo o máis importante.
Ramón Cabanillas: Figura Central do Teatro Galego
O autor máis significativo deste período foi Ramón Cabanillas, quen escribiu "A man da Santiña" para a inauguración do Conservatorio Nacional de Arte Galego. Trátase dunha obra de ambiente señorial, coa acción centrada nun pazo, cunha clara intencionalidade de dignificación da lingua: pór en escena as clases altas da sociedade expresándose en galego. A súa segunda obra teatral, "O Mariscal", céntrase na vida e execución do Mariscal Pardo de Cela.
O Teatro da Xeración Nós: Características e Autores
O teatro foi un dos xéneros máis cultivados polos autores da Xeración Nós.
Características do Teatro da Xeración Nós
- Renovación formal: Incorporación de elementos simbolistas, expresionistas e modernistas.
- Concepción do teatro como un espectáculo global: Integración de diversas artes.
- Teatro esencialmente literario: Énfase na calidade do texto.
Principais Autores e Obras da Xeración Nós
As obras destes autores corresponden á creación dun Teatro da Arte Galega.
Ramón Otero Pedrayo
Ramón Otero Pedrayo tivo un grande interese polo teatro, pero a meirande parte das súas obras eran dificilmente representables. Só unha das súas pezas posúe unha elaboración teatral: "A lagarada", unha traxedia rural onde se combinan realismo e simbolismo.
Vicente Risco
Vicente Risco só realizou unha peza dramática: "O bufón del rei".
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao participou na dirección da súa única peza teatral, "Os vellos non deben namorarse", unha peza na cal o espectáculo teatral entendíase como unha totalización expresiva da música, luz, danza..., idea que deixou plasmada nas indicacións escénicas.
Rafael Dieste
Rafael Dieste, autor novecentista, publicou "A fiestra Valdeira".