O Rexurdimento e a obra de Rosalía de Castro

Outras linguas estranxeiras3,33 KB

O Rexurdimento e a figura de Rosalía de Castro

A mediados do século XIX comezou o Rexurdimento, un movemento fundamentalmente lírico que tivo como característica principal a revitalización da lingua galega como vehículo de expresión social e cultural tras o período dos Séculos Escuros. O inicio deste movemento comeza en 1863 coa publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. O incremento da produción literaria en galego nesta época viuse estimulado polo nacemento das primeiras gramáticas, unha maior presenza do galeguismo na prensa xeral e a recuperación dunha prensa propia con publicacións integramente en galego. Neste contexto consolídanse as tres grandes figuras do Rexurdimento: Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez; con Rosalía como a voz máis privilexiada.

Traxectoria de Rosalía de Castro

Rosalía naceu en Santiago de Compostela en 1837. Participou nas actividades do Liceo de la Juventud, onde coñeceu a algúns dos intelectuais máis relevantes da época: Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal ou Manuel Murguía. En 1856 trasladouse a Madrid e dous anos máis tarde casou con Manuel Murguía. Despois de diversas viaxes por toda a Península, regresa definitivamente á nosa terra en 1871. Morre en Padrón en 1885.

Cantares Gallegos (1863)

En 1863 dátase en Vigo o libro Cantares Gallegos, que consta de 32 cantares na procura de "reproducir o verdadeiro espírito do noso pobo". A través dun exercicio de sororidade, asistimos a unha verdadeira alegoría da identidade de Galiza, así como a unha defensa do país, das súas xentes e do seu idioma contra as inxustizas e aldraxes ás que se ven sometidos. Así pois, Cantares Gallegos constitúe unha obra de clara intencionalidade sociopolítica.

Follas Novas (1880)

En 1880, Rosalía escribe a maior parte dos versos que compoñen Follas Novas, que comeza cunha dedicatoria da autora, segue despois un prólogo de Emilio Castelar e "Dúas palabras da autora". Con este prólogo, a autora quere introducirse nun lirismo existencial, de raizame intimista, escéptico respecto da utilidade da escrita e pesimista sobre a condición humana. Ao mesmo tempo, Rosalía volve afirmar a súa plena solidariedade coas xentes do pobo galego e, especialmente, coas mulleres.

Estrutura e temas de Follas Novas

Este poemario inclúe 5 libros e 136 poemas, predominantemente breves, nos que Rosalía presenta a existencia humana na súa diversa problemática. A estrutura da obra segue un proceso no que podemos ver as dúas tendencias da autora, a intimista e a social:

  • A intensa subxectividade de "Vaguedás" e "Do íntimo!", onde predomina o desconsolo e a soidade radical do ser humano.
  • A concreción social do final, especialmente en "Da terra" e "As viúdas dos vivos e dos mortos", de problemática enraizada nas desgrazas colectivas.
  • "Varia" é unha combinación de ambos tipos.

Descargar

PDF Word HTML