O Rexurdimento: Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal
Manuel Curros Enríquez
Manuel Curros Enríquez naceu en Celanova en 1851, de onde fuxiu á idade de 15 anos por mor das tensas relacións familiares. Instalouse en Madrid a fins de 1866, cidade onde fixo o bacharelato e comezou a carreira de Dereito, ao tempo que se implicaba na vida política e colaboraba na prensa. Nesta época, tanto a través da súa obra xornalística como da literaria, podemos ver a ideoloxía republicana e progresista de Curros que, como moitos intelectuais da súa época, acreditaba en que o progreso científico, o dereito e a educación traerían a felicidade a todos os homes. O seu ideal de goberno era unha democracia burguesa, laica e progresista, e de aí o seu anticlericalismo, posto que a Igrexa era un dos piares máis fortes da oposición a este sistema. Asiste o 11/02/1873 á proclamación da 1ª República no Congreso dos Deputados: “Cansados de gritar, ebrio de dicha y contento (…) emocionadísimo, secándome las primeras y las únicas lágrimas de alegría que han brotado de mis ojos, …bajé por la calle de Alcalá”. Entusiasmado polas liberdades formais que implica e outorga, mais que non resolve, en principio, a miseria e a ignorancia das clases sociais explotadas. No 74 prodúcese o golpe de estado do xeneral Pavía, que pon fin á República (3ª guerra carlista: 1872-1876).
Curros casará polo civil en 1871 con Modesta Luisa Vázquez Rodríguez; posteriormente, efectúa o matrimonio relixioso o 18/08/1877 (nado xa o seu segundo fillo —1º: Adelardo, 2º: Leopoldo— antes de retornar a Ourense) onde se instala ese mesmo ano como funcionario na Delegación de Facenda.
Nesta etapa ourensá, o noso poeta poderá aplicar á realidade galega a súa ideoloxía progresista, e este confronto aproximará a Curros aos rexionalistas. Aquí compuxo o seu poemario Aires d'a miña terra, que saía do prelo en 1880 e alcanzou inmediatamente un enorme éxito, acreditado pola denuncia do bispo de Ourense que rematará cun proceso do que Curros sairá absolto. Cesado no seu posto de Facenda en 1883, Curros volveu instalarse en Madrid. Alí traballou como xornalista, primeiro en El Porvenir e despois en El País, ao tempo que preparaba O divino sainete, que saíu do prelo en 1888. A crítica española recibiu este novo libro con eloxios, mais os amigos rexionalistas de Galicia cubriron a publicación cun veo de silencio. A pesar diso, Curros era un poeta recoñecido e foi coroado en Madrid, en 1893. Quizá por motivos políticos, quizá por motivos económicos e profesionais, en 1894 Curros emigrou a Cuba. Alí dirixiu La Tierra Gallega e, cando esta publicación desapareceu, entrou na redacción de El Diario de las Familias, e despois no Diario de la Marina. A súa estancia cubana coincidiu co momento máis activo do movemento independentista, o que o levou a reflexionar sobre o imperialismo; de feito, en Cuba espallou os ideais de rexeneración para Galiza e todas as iniciativas culturais: era xa máis rexionalista que republicano. Neses anos convulsos el apoia a autonomía de Cuba e coa súa mordacidade habitual denuncia o imperialismo ianqui.
A homenaxe en Coruña
A clareza e enerxía con que defendía o seu ideario, a súa rebeldía, creáranlle problemas ao longo de toda a súa vida, e a situación volveu repetirse na emigración cubana: fora acollido con entusiasmo e acabou enfrontado con case todos. En 1904 volvía á Coruña, quizá coa intención de ficar. Foi recibido de novo con mostras de entusiasmo, coroado por segunda vez, mais non se lle deron facilidades, nin en Madrid, nin en Galiza, para establecerse. A homenaxe máis importante que se lle tributa é a coroación que ten lugar o 21 de outubro no Teatro Principal da Coruña, hoxe chamado Teatro Rosalía de Castro. No acto, ao que asisten unhas tres mil persoas, participan, entre outros, Eduardo Pondal, Eladio Rodríguez González, Eugenio Carré Aldao e Manuel Lugrís Freire. Curros agradeceu as honras coa lectura dun poema, Ao pobo cruñés, que saíu do prelo ese mesmo día na Imprenta Ferrer:
¡Adiós, Orzán tempestoso,
mestre-cantor afamado,
que presides os concertos
dos trobadores cantábricos;
patria de meu pai querida,
montes irtos, verdes campos,
mallas, degrúas, esfollas,
nas noites de luar claro,
romarías, gaitas, festas
arredor do santuario,
adiós! ¡E adiós compañeiros
i amigos do vello bardo!
Con fonda pena vos deixa
meu corazón desolado;
mais así o quer o destino
e non é ben contrarialo.
Dous días despois, o 23 de outubro, volve para Cuba. Alí morrerá o sete de marzo de 1908. O seu cadáver é trasladado á Coruña, onde chega o día 31. Ao seu enterro, o dous de abril, asistiron unhas corenta mil persoas, converténdose nun dos actos máis multitudinarios da historia da cidade da Coruña.
A bandeira que acompañou os restos mortais do poeta de Celanova desde Cuba á Coruña é a primeira bandeira de Galicia que ondeou no país.
O proceso a Curros
O bispo da Diocese de Ourense, Cesáreo Rodrigo González, o 22 de xuño de 1880, cun oficio ao Gobernador Civil manifesta que o volume de poesía Aires... supón unha ofensa para a relixión católica pois “se atacan y ridiculizan varios dogmas de la religión católica” polo que lle roga que impida a circulación e venda do citado libro. Ademais, emite un edito, que debe ser lido en misa popular, prohibindo expresamente a lectura do libro (incluíno no índice de libros prohibidos) e conminando á entrega ao párroco dos exemplares que puidesen ter os feligreses.
O tal bispo non podía soportar versos coma os de Mirando ao chau, cun Deus arrepiado a forza de ver homes esfameados / emporras mulleres / espigados nenos / que non saben lere e que acaba dicindo "entre dentes" si eu fixen tal mundo / que o demo me leve.
O fiscal de Ourense inhíbese a favor do da Coruña, pois considera que o libro de Curros non é un folleto político. Na Coruña, o xuíz Manuel Mella Montenegro procesa a Curros e condénao “a la pena de dos años, cuatro meses y un día de prisión correccional, y multa de 250 pts, con la accesoria de suspensión de todo cargo y derecho de sufragio durante la condena, y las cotas...”. Na sentenza condenatoria de Mella o único poema citado expresamente é “Mirando ao chau”.
Non ingresa no cárcere grazas á fianza de 1500 pts que deposita por el Serafín Termes, un farmacéutico demócrata ourensán.
Curros apela en 2ª instancia ante a Audiencia da Coruña e os días 4 e 5 de marzo de 1881 o famoso avogado Luciano Puga y Blanco defende o poeta. Foi absolto de todos os cargos o día 11. O libro esgotárase en 15 días, por efecto do proceso. A 2ª edición sairá un ano despois (1881) en Madrid e sería reeditado en 1886 con novas contribucións poéticas. Tamén un escritor francés (J. Beranguer con Le bon Dieu, a quen Curros parafrasea no poema “Mirando ao chau”) provocara en Francia, sesenta anos antes, unha oleada de solidariedade por un caso semellante.
Reflexións sobre Curros
Despois de leres a biografía de Manuel Curros Enríquez reflexiona sobre as seguintes cuestións:
- Pensamento político de Curros.
- Personalidade de Curros.
Aires d'a miña terra
En 1877 un Certame poético de Ourense ofrece un premio de 2000 reais ao poeta que en “dialecto” galego retrate con máis exactitude e colorido local os singulares costumes, tradicións e tipos de Galicia:
- Costumes: a vendima no Ribeiro, Unha boda na aldea, A Noiteboa.
- Tradicións: Fundación do Mosteiro de Conxo, A Virxe do Cristal en Vilanova dos Infantes, O Xan de Arzúa.
- Tipos: O gaiteiro, o animeiro ou santeiro, A sabia, que é a que bota as cartas.
O 24 de febreiro de 1877 obtén o premio, entre 20 competidores. Por unha nota solta do Diario de Lugo (10-3-77) sabemos que “el señor Curros Enríquez repartió con varios poetas pobres de la Corte el premio”.
A súa relación neste período coa lingua e a cultura galega era simplemente afectiva, de feito compuxo "A Virxe d'o Cristal", "O gaiteiro" e "Unha boda en Einibó" para as presentar ao concurso por petición da nai. O concurso fallouse en 1877, ano en que Curros se instalaba en Ourense como funcionario na Delegación de Facenda. Nesta etapa ourensá, o noso poeta poderá aplicar á realidade galega a súa ideoloxía progresista, e este confronto aproximará a Curros aos rexionalistas. Aquí compuxo o seu poemario Aires d'a miña terra, que saía do prelo en 1880 e alcanzou inmediatamente un enorme éxito, acrecentado pola denuncia do bispo de Ourense.
Temática e estilo
A fins do XIX os progresistas loitaban contra as formas medievais de poder e de posesión. Quen ignore o significado dos foros non entenderá as queixas e a indignación dos poetas agraristas galegos.
Nos seus poemas, Curros “maldice ao que aflixe a súa terra, a emigración que a merma, a usura que a devora e o que a embrutece”. Canta a liberdade, o progreso, a ciencia, as conquistas do pensamento... Arremete contra os foros, impostos, os responsables da emigración, o clero intolerante, os que manteñen ao pobo na ignorancia e en prácticas supersticiosas... Ademais, parecía opinar que a dignidade do home virá da man da ciencia e do progreso, das liberdades políticas, da emancipación dos oprimidos, da democracia, da morte dos fanatismos e das supersticións; en definitiva, da ruptura con boa parte do pasado de Galicia.
O 1º poema de Aires anuncia a temática “cantar a liberdade e a redención dos servos” e péchase co poema “Encomenda”.
- Poesía Intimista: Para Curros, a poesía intimista non aportaba nada á sociedade, non era máis ca un desfogo egoísta do poeta. Por este motivo, esta temática é escasa na obra do celanovés. Ademais duns poemas á morte da súa nai e do seu fillo, ten outro poema adicado a Rosalía.
O divino sainete
Cesado no seu posto de Facenda en 1883, Curros volveu instalarse en Madrid. Alí traballou como xornalista, primeiro en El Porvenir e despois en El País, ao tempo que preparaba O divino sainete, que saíu do prelo en 1888. A crítica española recibiu este novo libro con eloxios, mais os amigos rexionalistas de Galiza cubriron a publicación cun veo de silencio. Curros quéixase ao seu editor, Andrés Martínez Salazar: “Ya ve usted cómo me trata, con que silencio indigno, la prensa gallega”. A pesar diso, Curros era un poeta recoñecido e foi coroado en Madrid, en 1893. En 1878 morre Francisco Añón, ao que el profesa devoción, na máis absoluta miseria. A súa devoción por el será tal que Añón encarnará en O divino sainete, publicado en 1888, o papel que Virxilio desempeña na Divina Comedia.
Eduardo Pondal Abente
- Biografía: Eduardo Pondal Abente naceu o 8 de febreiro de 1835 na vila coruñesa de Ponteceso, sita na comarca de Bergantiños. Estudou na reitoral de Vilela de Nemiña e cursou o Bacharelato en Compostela (onde se matriculou de lingua grega) após do levantamento de 1846. No Liceo de la Juventud terá contacto con persoas con futura importancia no eido cultural, como Aurelio Aguirre ou Manuel Murguía. El leu o manifesto de confraternización entre estudantes e artesáns no chamado Banquete de Conxo, acto contextualizado no ambiente liberal nacido da chegada dos progresistas ao poder no 1854. No 1860 rematou os estudos de Medicina, chegando a exercela en Ferrol. O seu primeiro poema en galego atopámolo dous anos máis tarde no Álbum de la Caridad, ‘A campá de Anllóns’. No 1863 ingresa no Cuerpo de Sanidad Militar, mais deixaríao para se dedicar por enteiro á poesía (as posibilidades económicas da súa familia permitíronllo). Ano 1867: neste ano comeza a xestación do mito céltico de Pondal aplicado a Galiza após da súa lectura dos poemas ossiánicos de MacPherson. Galiza pasa a ser o núcleo da súa poesía e el, o bardo da nación. O seu pasamento tivo lugar no ano 1917, na cidade da Coruña, cumpríndose a súa vontade de ser enterrado aí de non poder selo na súa vila natal.
- Lingua: Segundo Pondal, “déchesme unha lingua de ferro e déixoche unha lingua de ouro”. Ese foi o seu papel: a construción dun galego forte, culto, enérxico e mesmo aristocrático. A súa materia prima é, coma noutros escritores do seu tempo, a lingua da súa comarca (neste caso, Bergantiños). Procura desbotar o maior número posíbel de vulgarismos (aínda que mete castelanismos como castaño), á vez que lle pretende dar un aire máis culto coa introdución de innumerábeis cultismos. Un elemento moi importante para Pondal foi a parte fónica dos seus poemas, pois procuraba, ademais de rimas perfectas, unha gran sonoridade, eufonía (o ‘bo son’). Con esa finalidade empregaba palabras esdrúxulas para transmitir solemnidade e rotundidade (férido, belíxero) e agudas rematadas en –al para transmitir claridade (lanzal, inmortal).
Obra poética de Pondal
A obra poética de Pondal podémola dividir en dous bloques: a poesía épico-lírica (A campá de Anllóns; Queixumes dos pinos, 1886, resultado da reelaboración da súa obra en castelán Rumores de los pinos) e Os Eoas. En Queixumes é onde aparece o poema “Os pinos”, que, coa música composta por Pascual Veiga, será escollido como himno galego.
- Poesía épica: Temos de observar tres temáticas principais: o celtismo, o helenismo e o bardismo.
- Poesía lírica: Ten dúas temáticas: a natureza e a muller.
Outros aspectos da cultura galega do s. XIX
- Manuel Murguía: Manuel Martínez Murguía, esposo da poetisa Rosalía de Castro, tivo gran importancia no eido da Historia e da literatura galegas. A súa obra Historia de Galicia, pouco rigorosa desde o punto de vista da metodoloxía, foi, sen embargo, unha das creacións que abofé que contribuíu en maior medida ao nacemento do galeguismo.
- A Real Academia Galega: Ten a súa sé na Coruña nun edificio que pertenceu á escritora Emilia Pardo Bazán.
- O editor Martínez Salazar: Figura clave do editorialismo en Galiza durante o século XIX. Foi o fundador da colección Biblioteca Gallega (1885).
- Os estudos lingüísticos: Francisco Mirás publicou en 1864 a primeira gramática da nosa lingua, Compendio de gramática gallego-castellana. Catro anos despois aparecería a primeira gramática seria, a Gramática Gallega de Xosé Antonio Saco e Arce.
- Valentín Lamas Carvajal: Un dos primeiros promotores da prensa en galego. A súa obra máis popular foi O catecismo do labrego, parodia dun catecismo relixioso que denuncia a penuria económica e social da clase labrega.
Indica 4 obras de autores do Rexurdimento:
- Aires d'a miña terra (Poemario) - Manuel Curros Enríquez
- Queixumes dos pinos (Poemario) - Eduardo Pondal
- O catecismo do labrego (Prosa satírica) - Valentín Lamas Carvajal
- Cantares Gallegos (Poemario) - Rosalía de Castro