O Rexurdimento da Literatura Galega no Século XIX
O Rexurdimento é un período que abrangue boa parte do século XIX e que se caracteriza por dous fenómenos intimamente relacionados:
- A recuperación da escrita literaria do galego, dentro dun movemento máis amplo que visaba a súa dignificación como lingua e a recuperación e ampliación social dos seus usos.
- A aparición dun movemento político-ideolóxico (que adoptará sucesivamente os nomes de provincialismo, rexionalismo e nacionalismo) reivindicador da personalidade colectiva galega e defensor tanto dos seus trazos caracterizadores como dos dereitos que da condición de pobo diferenciado se derivaban.
Períodos do Rexurdimento
1. Período Precursor (1833-1862)
Engloba a actividade e a obra de autores (Pastor Díaz, Alberto Camino, Francisco Añón, Xoán Manuel Pintos) que participaron ou simpatizaron en maior ou menor medida co movemento provincialista e que usaron o galego con anterioridade á aparición do libro auroral da literatura galega moderna, Cantares Gallegos (1863), de Rosalía de Castro.
2. Período do Rexurdimento Pleno (1863-1888)
Son estes os anos centrais do Rexurdimento. Unha serie de autores, ademais de conseguiren pór traballosamente en pé un sistema literario galego autónomo, lograrán acadar cotas moi altas de calidade nalgunhas das súas obras, fundamentalmente poéticas. Este período está marcado pola presenza dos tres grandes escritores do XIX galego: Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal. De feito, é a da publicación de Cantares Gallegos (1863), primeiro libro escrito integralmente en galego, a data convencionalmente admitida como o inicio do período.
O xénero predominante no Rexurdimento pleno é a poesía, se ben comezan a aparecer as primeiras mostras narrativas e teatrais: en 1880 a novela Maxina ou a filla espúrea, de Marcial Valladares, e en 1882 o drama A fonte do xuramento, de Francisco M. de la Iglesia. Nesta etapa proliferan en diversas cidades e vilas os Xogos Florais, concursos literarios que serven para fomentar o uso escrito do galego. Tamén aparecen as primeiras gramáticas e dicionarios sobre a nosa lingua, a primeira editorial dedicada aos libros en galego e unha prensa periódica escrita íntegramente en galego: O Tío Marcos da Portela e O Galiciano.