A Prosa Galega: Das Irmandades ao Grupo Nós e os seus Autores
A Prosa das Irmandades da Fala (1916)
En 1916, a prosa galega experimentou grandes avances grazas ás Irmandades da Fala:
- Aparición do ensaio en galego: Destacan autores como Antón Vilar Ponte e Luís Porteiro Garea.
- Desenvolvemento da prensa en galego: Exemplos son A Nosa Terra, que tivo como director a Vilar Ponte, e a Revista Nós e Terra a Nosa (suplemento do xornal coruñés El Noroeste).
- Colección de novela curta: Destacaron as editoriais Céltiga e Lar.
O Grupo Nós e a Modernización da Prosa Galega
Nos primeiros anos do século XX, xorde un grupo de escritores que contribuíron significativamente ao progreso da nosa literatura: o Grupo Nós. Este grupo supuxo a consolidación e modernización da prosa galega.
Os seus membros máis destacados foron Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Castelao e Florentino López Cuevillas. Considéranse representantes dunha "xeración de inadaptados" que, despois de interesarse por outras culturas e relixións, convertéronse ao galeguismo. Eran universitarios de elevada formación intelectual que pretendían elevar a cultura galega a un nivel semellante ao das culturas europeas, por iso crearon a Revista Nós.
Foron os creadores da moderna prosa galega, consolidando definitivamente a prosa de ficción, científica e ensaística, e promovendo o idioma e o estudo das diversas facetas da cultura galega.
Vicente Risco: Vida e Obra
Vicente Risco foi fundador das Irmandades da Fala, da Revista Nós e do Partido Galeguista. Ao comezo da Guerra Civil, abandonou o galeguismo. É autor dunha ampla produción como narrador, dramaturgo e ensaísta, cunha concepción elitista da arte.
Ensaio de Vicente Risco
Risco era un ideólogo e atopou no ensaio o vehículo adecuado para plasmar o seu didactismo. A súa revolución ideolóxica persoal pasou por varias etapas:
- Etapa non galeguista: Reflíctese en obras como Nós, os inadaptados (1933).
- Etapa galeguista: Destaca Teoría do Nacionalismo Galego, na cal explica as súas teorías sobre o nacionalismo galego na lingua, na terra e na raza.
- Etapa non galeguista posterior: Iníciase coa súa viaxe por Centroeuropa en 1930, que formulou en Mitteleuropa.
Narrativa de Vicente Risco
Na súa narrativa, Risco incorporou temas urbanos á literatura galega, así como temas exóticos e populares.
A novela longa O porco de pé supón o cume da súa narrativa. Constrúe unha novela didáctica contra o ascenso da burguesía. Pretendeu integrar a cultura galega dentro da europea e criticar a sociedade consumista e burguesa que rexeitaba desde o seu individualismo aristocratizante.
Ramón Otero Pedrayo
Ao principio non participou no galeguismo, pero despois vinculouse ao grupo dos inadaptados nos que estaban Risco e Cuevillas, participando nas Irmandades da Fala e na Revista Nós. Escribiu narrativa, ensaio, poesía e teatro.