Poesía e Prosa Galega: Séculos XX e XXI

Lingua e literatura10,92 KB

A Poesía de Fins do Século XX: Temas e Autores dos 80 e 90

Esta época caracterízase por unha verdadeira eclosión poética e por unha evolución do xénero que desemboca na decadencia do socialrealismo anterior e na diversidade temática e formal.

A Década dos 80

  • Os autores colaboran en volumes colectivos.
  • Danse a coñecer a través de diferentes certames e premios literarios.
  • Participan en revistas de poesía.
  • Moitas editoriais danlle un papel protagonista á poesía e á súa difusión.

Este grupo de escritores comparten unha serie de características:

  • O culturalismo: gusto polas referencias culturais nos textos.
  • A preocupación formalista: atención á lingua, buscando un código moi elaborado e de gran corrección.
  • A apertura temática: que consistiu no cultivo de novos temas ou no feito de tratar os anteriores dun xeito anovado.

Principais Tendencias e Autores dos 80

É posible agrupar estes poetas en catro tendencias:

  • O culturalismo: poesía cunha linguaxe capaz de integrar as estéticas doutras literaturas. Aos motivos universais hai que engadirlles unha temática intimista e reflexiva con tendencia ao decadentismo. Xavier Seoane.
  • A poesía da experiencia: os autores caracterízanse por intentar comunicar experiencias íntimas e cotiás sen abandonar as reflexións sociais e polo emprego dunha linguaxe directa con menor preocupación polos aspectos meramente formais. Manuel Rivas.
  • O experimentalismo: aínda que predomine o coidado nos aspectos formais e o academicismo, tamén se busca a experimentación na elaboración da poesía. Manuel Vilanova.
  • A poesía da muller: distínguense polo rexeitamento do androcentrismo e por un intimismo claramente feminino. Ana Romaní.

A Década dos 90

Aínda que é difícil sistematizar a poesía destes anos, hai aspectos característicos:

  • Presenza importante de voces femininas.
  • Agrúpanse en colectivos poéticos.
  • Novas formas de difusión da poesía.
  • Xorden novas coleccións poéticas e certames literarios.
  • Aparece o compromiso social e lingüístico en temas da actualidade.

Principais Tendencias e Autores dos 90

  • Poesía de transición: grupo de autores que optan pola reflexión transcendente e a depuración temática. Luísa Villalta.
  • Poesía provocadora: contémplase o erotismo e a sensualidade desde o punto de vista da muller. Lupe Gómez.
  • Poesía do íntimo: destaca Fran Alonso.

Poetas e Tendencias Actuais Máis Relevantes

En xeral, continúan as tendencias anteriores. María Lado.

A Prosa de Fins do Século XX: Temas e Autores

A prosa galega alcanzou un gran desenvolvemento, tanto en calidade como en cantidade. Aparece tamén un grupo de narradores caracterizables por:

  • Gran diversificación de estilos.
  • Xorden novas modalidades e temas.
  • Empregan unha rica variedade de rexistros lingüísticos.

De 1975 a 1980

É unha etapa na que se fan esforzos por construír unha novela galega popular. Destacan:

  • Fernández Ferreiro: manifesta unha clara predilección polos xéneros populares.
  • Rei Ballesteros: preocúpase por conectar o texto literario coa realidade da sociedade e do momento en que vivía.

Temas e Autores dos 80

  • Aparecen diferentes tendencias, liñas temáticas…
  • Os autores buscan o mercado do gran público.
  • Préstase especial atención ao público xuvenil.
  • Aparecen novas editoriais, premios…
  • Apertura temática, renovación da linguaxe e das técnicas narrativas.

De entre as liñas temáticas destacan:

  1. A liña intimista: Xavier Alcalá con A nosa cinza.
  2. A novela histórica: Víctor Freixanes con O triángulo inscrito na circunferencia.
  3. A novela negra: Carlos Reigosa con Crime en Compostela.
  4. A narrativa experimental: Suso de Toro con Polaroid.

Temas e Autores dos 90 e Comezos do Século XXI

  • Establécese definitivamente o xénero novelesco no sistema literario galego.
  • Autores que se dedican á produción de relatos ou á poesía optan pola narrativa.
  • Consolídanse os distintos subxéneros ao tempo que aparecen outros.
  • Aparecen novos experimentos narrativos.

De entre as tendencias temáticas destacamos:

  1. A liña intimista: continúa cun conxunto de narracións que inciden no que se pode denominar ``crónica sentimental´´. Méndez Ferrín.
  2. A novela histórica: segue a ser a liña máis cultivada, ben desde unha perspectiva realista ou ben desde unha reconstrución dun pasado mítico. Manuel Rivas.
  3. A novela de xénero: o xénero de novela negra (Aníbal Malvar). O xénero de aventuras (Xosé Miranda).
  4. A novela experimental: novelas nas que hai distintos rexistros, con varias voces que relatan historias, predominando o humor corrosivo. Carlos Caneiro.
  5. Narrativa da muller: a incorporación da muller á literatura galega é un dos feitos máis significativos. María Xosé Queizán.
  6. Entremesturas de xéneros: aparecen diarios que participan das novas formas de comunicación, como os blogs de Internet.
  7. A narrativa infantil: a demanda de material didáctico escolar en galego proporciona a aparición de coleccións literarias especializadas. Xabier P. Docampo.

A Poesía das Irmandades: Características e Autores

A literatura destes anos recolle a herdanza do Rexurdimento, pero as novas ideas e a nova situación social van modificando o panorama literario. Prodúcense cambios sociais moi importantes, crearanse varias coleccións literarias e fundarase o Seminario de Estudos Galegos. Todas estas iniciativas veranse truncadas coa Guerra Civil.

Noriega Varela

Foi autor do libro titulado Do ermo. Nel diferéncianse dous tipos de poesía:

  • Realismo costumista: segue a liña da poesía rural realista. A temática é sobre a vida campesiña e nela describe a vida rural, os costumes e as tradicións.
  • Realismo da natureza: supera a poesía realista; neles aparecen só a natureza e o poeta, que asume unha actitude de humildade.

Dentro desta liña pódense incluír uns sonetos moi influídos polos poetas portugueses nos que non reproduce o falar dos labregos, senón que introduce cultismos e coida a musicalidade do verso.

Ramón Cabanillas

Naceu en Cambados, estudou no Seminario de Santiago e posteriormente emigrou a Cuba. Pódese diferenciar na súa obra poética a poesía lírica e a narrativa:

  • A poesía lírica maniféstase en tres direccións:
    • A poesía social ou combativa, de carácter agrarista e anticaciquil.
    • A poesía de tipo intimista, que pode recordar a Rosalía.
    • A poesía costumista, onde se reflicte a pegada do Modernismo.

Cabanillas é un poeta civil que pon a súa poesía ao servizo da sociedade.

  • Dentro da poesía narrativa, está por exemplo: O bendito San Amaro, no que narra a lenda do santo.

Tamén compuxo dúas pezas teatrais: A man da santiña e O Mariscal.

Cabanillas recolle a inquedanza rosaliana, o celtismo pondaliano e a ira currosiana; pero ademais na súa poética vense elementos de influencia modernista. Posteriormente a súa lírica oriéntase cara a unha poesía mítico-saudosista.

Estes dous autores constitúen unha ponte entre a estética do XIX e a das vangardas de principios do XX ao aproveitar elementos modernistas.

A Poesía entre 1936 e 1976: A Xeración do 36

Prodúcese un renacer da poesía galega, aínda que non podemos esquecer a presenza da lírica galega das Américas nos versos de autores como Luís Seoane. Van comezar a aparecer as primeiras revistas poéticas de carácter bilingüe e coleccións poéticas. Tamén aparecen os primeiros libros de poemas que seguen liñas poéticas dos primeiros anos do século XX e que continuarán manténdose.

A lírica galega ofrece un panorama moi heteroxéneo: varias xeracións, múltiples tendencias e liñas temáticas, convivencia a un tempo de autores de promocións distintas, poetas con distintos estilos…

A Xeración do 36

  • Naceron entre 1910 e 1920.
  • Viviron e sufriron a Guerra Civil.
  • Supoñen unha ponte entre a literatura de preguerra e as promocións máis novas.
  • Seguen tendencias variadas.

Destacan:

  • Celso Emilio Ferreiro con Longa noite de pedra.
  • Aquilino Iglesia Alvariño con Cómaros verdes.
  • Luís Pimentel con Triscos.
  • Xosé María Díaz Castro con Nimbos.

A Promoción de Enlace

  • Nados entre 1920 e 1930.
  • Novos cando estalou a guerra, polo que a súa formación cultural foi de illamento respecto á tradición galega.
  • Nos seus comezos foron escritores bilingües.
  • Combinan o compromiso social e a angustia existencial.

Destacan:

  • Antón Tovar con Berros en voz baixa.
  • Luz Pozo Garza con O paxaro na boca.
  • Manuel Cuña Novás con Fabulario novo.

A Promoción das Festas Minervais

  • Nados entre 1930 e 1940.
  • Déronse a coñecer nos certames literarios.
  • A súa produción pasa por dúas etapas: a Escola da Tebra e o socialrealismo.
  • Algúns autores integraron o Grupo Brais, que tivo grande activismo político e cultural.

Destacan:

  • Xosé Luís Méndez Ferrín con Voces na néboa.
  • Manuel María con Terra Chá.
  • Bernardino Graña con Profecía do mar.
  • Uxío Novoneyra con Os eidos.
  • Xoana Torres con Estacións ao mar.
  • Avilés de Taramancos con O tempo no espello.

A partir da década dos 70 xa haberá unha gran eclosión poética, que levará á decadencia do socialrealismo e á diversificación temática e formal.

Descargar

PDF Word HTML