Poesía Galega de Posguerra: Promoción de Enlace e Festas Minervais
A poesía galega entre 1936 e 1976
O silencio e a recuperación cultural
O silencio literario imposto polo franquismo impide a publicación de calquera obra escrita en galego ata que no ano 1947 Aquilino Iglesia Alvariño escriba Cómaros Verdes.
Será no ano 1950 cando se poida empezar a falar dunha certa recuperación cultural grazas á fundación da editorial Galaxia, iniciativa de Ramón Piñeiro e Fernández del Riego que pretenderon devolver o prestixio á lingua e á cultura galega, así como servir de ponte entre as vellas promocións e as xeracións máis novas.
Tendencias poéticas na posguerra
Continuación de estilos de preguerra
Ata os anos 60 continúan as tendencias poéticas de preguerra: o neotrobadorismo de Xosé María Álvarez Blázquez coa súa obra Cancioneiro de Morfeo, ou Cunqueiro con Dona de corpo delgado; ben cara o neovirxilianismo de Xosé María Díaz Castro; ou o intimismo radical de María Mariño con Palabra no tempo.
O Socialrrealismo
A partir dos 60 iniciarase un tipo de poesía de denuncia, útil para a concienciación social, que se insire no movemento denominado socialrrealismo. O seu máximo expoñente será Celso Emilio Ferreiro coa súa obra O soño sulagado, Longa noite de pedra ou Viaxe ao país dos ananos. Estas obras seguen dúas liñas fundamentalmente: a social...
As xeracións poéticas
A Xeración da República ou do 36
Celso Emilio Ferreiro pertence, con Aquilino Iglesia Alvariño ou Cunqueiro, á xeración da República ou do 36. Esta última denominación débese a que os marcou como xeración o fito da Guerra Civil. Todos eles nados entre 1910 e 1920, con publicacións antes da guerra.
A Promoción de Enlace
Os nados entre 1920/30, que se formaron nos anos máis duros da posguerra e na cultura castelá, polo que empezan publicando primeiro nesta lingua, non constitúen un grupo homoxéneo. De aí que se denomine Promoción de Enlace. Adscribiríanse a este grupo Luz Pozo Garza con O paxaro na boca ou O códice calixtino, así como Antón Tovar con Calados esconxuros ou Vento no teu colo. Caracterízanse pola temática existencial, angustiada e de compromiso social.
A Xeración das Festas Minervais
A xeración que renova a poesía galega é chamada Xeración das Festas Minervais, certame literario de tradición renacentista e barroca que se restaura en Santiago na que participan universitarios con inquedanzas literarias. Nacen entre 1930/40. Constitúen o grupo Brais Pinto, colaboran no suplemento do diario La Noche e avogan polo nacionalismo revolucionario, así como polo compromiso do monolingüismo en galego.
Características e autores
A partir dos 60 adscribiríanse a dúas tendencias: a Escola da Tebra ou ao socialrrealismo. Destacan nesta xeración Manuel María con Muiñeiro de brétemas ou Morrendo a cada intre; Uxío Novoneyra, voz vivencial da natureza solitaria do Courel co poemario Os eidos, Poemas caligráficos... Tematicamente, este autor insírese na tradición paisaxística de poetas anteriores como Noriega Varela. Ademais, na forma adquiren moita importancia elementos visuais como a disposición dos versos ou fónicos para evocar determinadas sensacións.
A renovación con Méndez Ferrín
Tamén Bernardino Graña coa obra Non vexo Vigo nin Cangas, ou Méndez Ferrín, quen coa súa obra Pólvora e Magnolias marca un cambio de rumbo decisivo para a renovación da poesía galega co seu poemario Con pólvora e magnolias. Posto que, sen esquecer o compromiso social, ábrese cara a novos temas como a lembranza do pasado, o paso do tempo, o erotismo, emerxendo novos elementos como o culturalismo característico da poesía dos 80.