A poesía de Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez: celtismo, bardismo e voz civil
Resumo
O texto presenta a poesía de dous autores fundamentais da literatura galega do século XIX: Eduardo Pondal, con temas como o celtismo, o bardismo e o helenismo, e Manuel Curros Enríquez, co seu compromiso civil e satírico. Tamén recolle as obras máis importantes de cada un, como Queixumes dos Pinos, Aires da miña terra e O Divino Sainete, e a contribución de Pondal ao Himno Galego.
Puntos clave
- Eduardo Pondal (1835-1917), natural de Ponteceso, é o autor de Queixumes dos Pinos (1886) e do poema épico inacabado Os Eoas.
- Os tres trazos xerais da poesía de Pondal son o celtismo, o bardismo e o helenismo.
- Pondal escribiu a letra do Himno Galego a partir do poema Os Pinos, musicado por Pascual Veiga.
- Manuel Curros Enríquez (1851-1908) introduce a voz civil na literatura galega, comprometida cos oprimidos.
- Aires da miña terra (1880) recolle 35 poemas con crítica á miseria, ao caciquismo e ao anticlericalismo.
- O Divino Sainete (1888) inicia a corrente satírica na literatura galega moderna e está baseado na Divina Comedia de Dante.
Eduardo Pondal (1835-1917)
Natural de Ponteceso (A Coruña).
A poesía de Eduardo Pondal
Os textos poéticos fundamentais do autor son Queixumes dos Pinos (1886) e o poema épico inacabado Os Eoas. Pondal manifesta na súa obra unha maior preocupación pola construción formal do poema e emprega unha lingua máis depurada e elaborada. Na «química» poética do bardo combínase unha chea de referencias e ingredientes axeitadamente salferidos e combinados, dando lugar finalmente a un texto mítico e prodixioso para o lector, membro tamén desa tribo-patria que Pondal constrúe.
Adubíos da poesía de Pondal
- Celtismo: O heroico pasado celta galego é un argumento de identidade empregado por Pondal nos seus textos.
- Bardismo: O bardo, co que o propio autor se identifica, é o profeta e guía espiritual do seu pobo. Representa a conciencia da raza. Nun dos poemas do autor faise unha descrición dun bardo.
- Helenismo: A referencia ao mundo clásico, en particular á cultura grega e aos seus valerosos heroes, é outro elemento recorrente na obra de Pondal. Aparecen nos poemas topónimos gregos (como Termópilas) e personaxes míticos da Grecia antiga (como Tirteu).
A natureza na obra de Pondal
Ademais destes tres trazos xerais e máis evidentes, todo o contorno natural é significante e operativo no poema de Pondal. A natureza intervén na construción dun discurso plural e global, que comunica e integra o individuo coa terra. O escenario é absolutamente bergantiñán, como se reflicte na toponimia: Salvaxe Val de Brantoa. O poeta invoca nos seus versos todos estes elementos. Ten unha visión da natureza transcendente, como lugar onde se produce a revelación (espazo visionario).
Pondal como poeta civil
Por exemplo, tamén se pode interpretar a Pondal como poeta civil: a súa poesía é unha defensa do pasado glorioso e dun futuro que deberá recuperar os sinais dese pasado, fronte a un triste e miserable presente. É, neste sentido, unha poesía de denuncia. Todos os elementos que levamos nomeados están presentes con claridade nos Queixumes dos Pinos. O poeta traballou tamén incansablemente ao longo da súa vida na composición do longo poema Os Eoas, que non chegou a publicar. A obra de Pondal ten numerosos admiradores e continuadores a finais de século. O autor mantiña aberto un faladoiro baixo o suxestivo nome de A Cova Céltica, ao que asistían moitos intelectuais e escritores da época: Manuel Murguía, Lugrís Freire...
En definitiva, coa súa obra Eduardo Pondal crea un universo poético inexplorado e abre unhas claves estéticas descoñecidas, aumentando tamén significativamente as posibilidades literarias da nosa lingua.
O Himno Galego: A contribución de Pondal
O noso bardo é tamén o autor da letra do Himno Galego, a partir do poema Os Pinos, composto cara a 1890 e musicado por Pascual Veiga. Esta composición de Pondal e Veiga foi estreada oficialmente no ano 1907 no Gran Teatro da Habana.
Manuel Curros Enríquez (1851-1908)
Interpreta a poesía como compromiso cos oprimidos e introduce esa dimensión no noso sistema literario. Representa a entrada da voz civil na literatura galega, superando os modelos costumistas, tan frecuentes no século XIX.
Aires da miña terra (1880)
A obra componse dunha introdución seguida dun conxunto de 35 poemas. Algúns deles (Cántiga, A Virxe do Cristal, Unha voda de Einibó, O Gaiteiro) son moi coñecidos. A maior parte dos textos que conforman Aires da miña terra responden a unha voz civil ou social comprometida cos oprimidos e que reflicte a situación de atraso, miseria e inxustiza que sofre Galicia na época. Por exemplo: Poema do Maio.
O poeta constrúe un discurso crítico, que reproduce a situación de explotación e miseria que sofre o labrego galego e introduce tamén dúas constantes na obra do autor: o anticaciquismo e o anticlericalismo. Esta é a liña poética principal no libro e aparece en moitos poemas. Sinalamos outras:
- Poemas de carácter costumista: Reflicten costumes, tipos populares ou estampas da época.
- Poemas circunstanciais: Asociados a momentos na vida do autor.
O Divino Sainete (1888)
O Divino Sainete (1888). Curros inicia a corrente satírica dentro da literatura galega moderna. Unha sátira é un poema que censura vicios ou defectos concretos ou ben pon en ridículo a persoas e cousas. Curros baséase na Divina Comedia do clásico italiano Dante Alighieri. O libro supón un ataque frontal contra a igrexa no seu conxunto e ten un claro posicionamento anticlerical, pero tamén é un ataque individual contra determinadas persoas (Emilia Pardo Bazán).
Descargar
PDF Word HTMLPreguntas frecuentes
Cales son as obras máis importantes de Eduardo Pondal?
As obras poéticas fundamentais de Eduardo Pondal son Queixumes dos Pinos (1886) e o poema épico inacabado Os Eoas. Este último non chegou a publicarse.
Que é o bardismo na poesía de Pondal?
O bardismo é un elemento da poesía de Pondal en que o bardo, co que o propio autor se identifica, aparece como profeta e guía espiritual do seu pobo, representando a conciencia da raza.
Por que é importante Manuel Curros Enríquez na literatura galega?
Curros interpreta a poesía como compromiso cos oprimidos e representa a entrada da voz civil na literatura galega, superando os modelos costumistas do século XIX.
Ponte á proba
Tarxetas de repaso
Preme nunha tarxeta para ver a resposta.
Test
Preguntas xeradas con IA a partir do documento: comproba as respostas co texto.