Otero Pedrayo: Nacionalismo, Tradición e a Fidalguía Galega

Lingua e literatura4,01 KB

R. Otero Pedrayo

Figura clave na articulación do nacionalismo do século XX (Partido Galeguista). O catolicismo e o tradicionalismo son dúas características básicas que orientan a súa actividade política e literaria. Foi un escritor integral e “confundidor de xéneros”: cultivou narrativa, ensaio, teatro e poesía, aínda que nesta última foi onde menos sobresaíu.

Narrativa

A) Novelas histórico-culturalistas: ambientadas no romanticismo europeo (Fra Vernero) ou ambientadas na Idade Media (A romería de Xelmírez).

B) Novelas histórico-realistas (ciclo da ruína da fidalguía e transformacións da Galicia do século XIX): Os camiños da vida.

C) Novelas psicolóxicas de introspección e busca: Arredor de si.

A fidalguía simboliza para Otero a vida tradicional e sosegada da aldea. Mais, pese á lei que lle ten, Otero ataca esta caste polos excesos cometidos que a levan á ruína, pola súa deserción da aldea e o éxodo cara á cidade, onde rematará alienada, renegando da súa condición galega mentres os comerciantes foráneos se fan coa dirección da sociedade.

Con todo, a identificación de Otero cos valores tradicionais representados pola fidalguía lévano a crear unha fidalguía irreal, consciente da súa función na rexeneración da caste e na redención de Galicia.

Obras destacadas

  • A romería de Xelmírez: Nárranse a viaxe que Xelmírez, convertido por Otero en todo un heroe, fai de Santiago a Roma co fin de obter do Papa a dignidade metropolitana e arcebispal para Compostela. Os principais motivos da obra son:
    • A recreación da época medieval como un momento de normalidade, prosperidade e esplendor cultural de Galicia.
    • A teima europeísta, aproveitando o camiño de Santiago que Xelmírez emprende ao revés e que serve para a constatación de que Galicia “só foi enxebremente galega cando foi europea”.
    • A visión de Xelmírez como un galeguista reivindicativo moi afín ao do propio autor.
  • Os camiños da vida: A súa primeira gran novela e a máis importante deste ciclo. Consta de tres partes que, aínda que con certa autonomía de significado, están relacionadas tematicamente e na vinculación de parentesco que existe entre os personaxes da mesma. A primeira parte é a máis realista: deterioro de dúas familias fidalgas enfrontadas ideoloxicamente. Na segunda parte, unha muller herdeira dunha das familias representa a posibilidade de salvación da súa clase. Na terceira parte, un sobriño desta muller vai estudar a Santiago, onde asume a ideoloxía nacionalista da que virá a salvación para o país e para as súas clases populares, iso si, sempre da man da fidalguía que aínda pode cumprir o seu papel.
  • Arredor de si: Obra clave para coñecer a evolución do grupo Nós a través da evolución interna do personaxe Adrián Solovio, que representa o prototipo intelectual desta xeración. Máis que unha novela é a autobiografía dunha xeración: o percorrido vital e espiritual que leva aos seus membros á descoberta de Galicia, que é o que lle dá sentido á súa existencia, o sentido de realizarse a partir da propia identidade. É a historia de Adrián Solovio, señorito fidalgo duns trinta anos que estudia Filosofía en Madrid e, despois de renegar de Galicia e procurar noutras culturas (castelá e europea) a súa salvación, acabará descubrindo que o sentido da súa realización está no propio país e nas súas peculiaridades (culturais, etnográficas, xeográficas, históricas, lingüísticas, etc). A vivencia da realización é plena nos fragmentos finais da obra: “por Galicia e na Galicia era Adrián europeo e planetario”.

Descargar

PDF Word HTML