Orixes da lingua galega: unha viaxe pola historia

Outras linguas estranxeiras3,44 KB

Orixes da Lingua Galega

Da Gallaecia ao Galego Actual

A chegada do Latín

A lingua galega procede do latín vulgar, falado polos soldados e funcionarios durante a ocupación romana da Península Ibérica. Esta variante do latín clásico evolucionou ata dar lugar ás actuais linguas románicas ou neolatinas.

Influencias na Formación da Lingua

Na formación das linguas modernas tiveron gran influencia as linguas de substrato (aquelas existentes na península antes da chegada do latín), os estratos (os compoñentes básicos da lingua e aparición dos termos) e as linguas de superestrato (linguas posteriores á invasión romana).

Linguas de Substrato

As linguas de substrato pre-romanas atópanse divididas en dous tipos: preindoeuropeas e indoeuropeas. As linguas dos pobos indoeuropeos, entre os cales o celta, constitúen o substrato pre-romano con máis repercusión no galego, en especial, na toponimia e na fonética. As influencias de orixe celta que podemos atopar no léxico do galego actual son aqueles topónimos que conservan a terminación –(o)bre (por exemplo: Añobre, O Grove…) e palabras como bidueiro, biezo, berce…

Por outro lado, as linguas preindoeuropeas amosan a súa influencia nas palabras que presentan a raíz car(r)-, con raíz mor- e outras palabras do léxico común ou presentes na toponimia; por exemplo: barranco, beira, bouza, lama…

A Romanización e o Latín Vulgar

Os primeiros pasos cara ao galego actual comezaron coa ocupación romana da Península, que se iniciou no século I a.C. e rematou no século V d.C., xa que os romanos consideraban bárbaras todas as linguas existentes na Península e impuxeron o latín. Isto provocou a extinción da maioría das linguas autóctonas e un lento proceso de substitución lingüística polo latín clásico, que acabaría dexenerando no latín vulgar.

O paso do tempo e a influencia doutras linguas fixo que, na Gallaecia, a lingua falada comezase a amosar evolucións particulares como a desaparición do -L- e o -N- intervocálicos e a substitución dos grupos consonánticos PL-, CL- e FL- polo CH-. O ditongo AU evolucionou a AO, conservouse o F inicial nas palabras latinas, ademais da conservación do grupo intervocálico -MB- e a redución do grupo -MN- a -N-.

Superestratos: Xermánico e Árabe

Por último, nos superestratos podemos atopar dous compoñentes principais: o xermánico e o árabe. Tras a caída do Imperio Romano no século V, os bárbaros e os suevos invadiron a Península e estableceron os seus respectivos reinos ata o ano 711, cando os árabes conquistaron Hispania.

As linguas xermánicas deixaron a súa influencia nalgúns antropónimos (Afonso, Rodrigo…) e nos topónimos rematados nas terminacións -ar, -mil, -riz, -monde/munde, -rei/ei, -áns/ás/án e -ulfe/-ufe, mentres que os árabes deixáronnos léxico da administración e da guerra (por exemplo: alcalde, aldea, almirante, alguacil…), da construción (por exemplo: adobe, alcatrán, chafariz…) e da agricultura (por exemplo: acea, aceite, algodón…) e tamén outras palabras do léxico común (por exemplo: alcume, tambor, tarefa…).

Descargar

PDF Word HTML