A Nova Narrativa Galega (1954-1970): Autores e Características
A Nova Narrativa Galega (1954-1970)
Movemento renovador da narrativa galega que se desenvolveu entre 1954 e 1970. As súas características principais son:
- Estar protagonizado por autores e autoras novos con formación universitaria.
- Rachar coas formas de narrar tradicionais.
- Renunciar á linearidade temporal e á localización espacial concreta.
- Desbotar o ruralismo.
- Rexeitar os argumentos convencionais e lóxicos.
- Concibir o ser humano como un obxecto máis.
- Renegar do enxebrismo.
- Introducir temas como o sexo, a violencia e o absurdismo existencial.
- Recibir influencias francesas e doutros escritores.
Xosé Neira Vilas
A pesar de non pertencer estritamente á Nova Narrativa, escribe neste período un verdadeiro éxito editorial nas nosas letras: Memorias dun neno labrego. É unha obra realista na que se viu reflectida toda unha xeración de nenos e nenas nacidos na ditadura.
Xosé Luís Méndez Ferrín
É unha figura clave para entender a narrativa e a poesía da segunda metade do século XX. Naceu en Ourense en 1938. Estudou en Santiago e Madrid, onde sería un dos fundadores do grupo Brais Pinto.
O seu primeiro libro de relatos é Percival e outras historias, publicado con só vinte anos. Outras obras destacadas son O crepúsculo e as formigas e a novela Arrabaldo do norte.
Na súa obra combínanse de xeito maxistral a dureza e o lirismo. Podemos atopar temas moi diversos, dende relatos realistas ata outros de misterio ou de terror, moitas veces tinxidos cun claro fondo político. En paralelo coa narrativa, desenvolveu unha obra poética de temática comprometida e gran riqueza formal.
Carlos Casares
Naceu en Ourense en 1941. Estudou en Santiago, cidade na que entrou en contacto con representantes do galeguismo, como Ramón Piñeiro. Foi director da editorial Galaxia e da revista Grial. Morreu en 2002.
Cultivou a narrativa en todas as súas formas. Publicou Vento ferido e Cambio en tres, onde experimenta con varias técnicas vangardistas. Todas as súas obras están traballadas tecnicamente e escritas cunha linguaxe que pretende chegar ao meirande número de lectores.
María Xosé Queizán
Naceu en Vigo en 1939. Dende moi nova estivo ligada aos movementos literarios e políticos da súa xeración. Ademais, é destacable o seu labor como teórica do movemento feminista.
A orella no buraco foi a súa primeira novela, marcada polas técnicas obxectalistas. Anos despois, dende unha perspectiva feminista, publicou Amantia.