A Normativización do Galego: Fases, Criterios e Interferencias

Lingua e literatura4,07 KB

A Normativización e Estandarización da Lingua Galega

Todas as linguas precisan dunha variedade unificada, común a todos os seus falantes, que sirva de vehículo para a comunicación formal (ensino, medios de comunicación...). O proceso polo que se elabora esta variedade chámase normativización ou estandarización lingüística.

Fases do Proceso de Estandarización do Galego

O galego puido comezar o seu proceso de estandarización no século XIX e consta de catro fases:

  1. Galego popularizante (S. XIX): galego literario próximo á oralidade.
  2. Galego enxebrista (comezos do XX ata 1936): exáltase o enxebre, todo aquilo diferente ao castelán.
  3. Galego protoestándar (desde 1936 ata os anos 70): acelérase o proceso de depuración de castelanismos e vulgarismos, comeza a darse unha simplificación dos signos ortográficos e comezan a definirse as solucións coincidentes co estándar actual.
  4. Galego estándar (desde os anos 70 ata hoxe): os cambios políticos permiten que o galego se encamiñe cara a unha situación de normalidade.

Planificación Lingüística: Normalización e Normativización

Nunha planificación lingüística van unidos dous procesos:

  • Normalización: supón aumentar o número de falantes e as súas funcións, convertendo a lingua en lingua de cultura.
  • Normativización: fixar un modelo de referencia, unha normativa. Para levala a cabo é necesario:

Criterios para a Normativización

  1. Fixar unha ortografía, que combina tres criterios:
    • Fonolóxico: úsase unha grafía para un único fonema, independentemente da súa procedencia etimolóxica.
    • Etimolóxico: a representación gráfica dun fonema depende de criterios etimolóxicos.
    • Tradición escrita.
  2. Seleccionar a variedade estándar, para o que se elaborou unha variedade supradialectal, combinando trazos dos distintos falares. Os criterios que se tiveron en conta foron: a maior extensión xeográfica, o número de falantes, o grao de uso na literatura e a harmonía coas demais linguas románicas.
  3. Elaboración de gramáticas e dicionarios:
    • 1906: Creación da RAG (Real Academia Galega).
    • 1933: O Seminario de Estudos Galegos aprobou unhas Normas para a unificación do idioma galego.
    • 1970: A RAG redactou unhas Normas ortográficas do idioma galego.
    • 1982: Publicación das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego.
    • 2003: A "Normativa da Concordia" que aglutina a oficial e a de mínimos.

Interferencias e Desviacións da Norma

Na variedade estándar hai que excluír certos fenómenos presentes na fala ou na escrita:

  • Hipergaleguismos: falsa galeguización de formas coincidentes en galego e castelán.
  • Vulgarismos.
  • Lusismos: recórrese ao portugués para substituír formas lexítimas galegas.
  • Arcaísmos: palabras tomadas dos textos galegos medievais.
  • Castelanismos: préstamos innecesarios do castelán. A presión do castelán afecta a todos os planos da lingua:
    • Castelanismos fónicos: perda da distinción de vogais semiabertas e semipechadas.
    • Castelanismos ortográficos e de acentuación: *boda, *avogado...
    • Castelanismos morfosintácticos: confusións no xénero gramatical, uso da preposición "a" ante infinitivo ou complemento directo (C.D.), confusión de "te" e "che"...
    • Castelanismos léxicos.
    • Castelanismos semánticos: cando a unha forma castelá lle corresponden dous termos galegos e estes non se empregan adecuadamente.

Todas as interferencias deben ser evitadas; de feito, este é un dos obxectivos da normalización e da normativización.

Descargar

PDF Word HTML