Normalización Lingüística do Galego: Situación Actual e Perspectivas
Situación Actual do Proceso de Normalización Lingüística do Galego
O proceso de normalización consiste en aplicar un conxunto de medidas oficiais para suprimir os prexuízos iniciais contra a lingua minorizada e que esta poida ser utilizada de novo en calquera situación cotiá.
No caso do galego, este proceso normalizador iniciouse ao final da Ditadura, co recoñecemento legal na Constitución de 1978 e no Estatuto de Autonomía de 1981, mediante diferentes actuacións lexislativas como a aprobación do Decreto de bilingüismo ou o Plan Xeral de Normalización Lingüística. Aínda así, a situación deste idioma na actualidade segue a ser irregular por varios motivos: o primeiro é que, a nivel legal, o galego ten todo o recoñecemento posible dentro do Estado, pero non se aplican as medidas aprobadas e o Estatuto non defende a igualdade do galego na situación política actual.
O segundo motivo é que o galego, dende o punto de vista normativo, xa é unha lingua actualizada, con dicionarios e gramáticas, e cunha importante presenza no ensino, pero todas estas normas non son efectivas se a lei non potencia o seu uso, como é o caso do ensino. Ademais, o Día das Letras Galegas, de carácter nacionalista, estase a converter nun feito simbólico no que non se ve reflectida a renovación iniciada na RAG do galego.
O seguinte motivo da irregularidade da situación do galego é a pouca presenza deste nos medios privados de comunicación: canles de televisión, emisoras de radio e prensa. Só podemos excusar a TVG, e aínda así os seus locutores usan un galego de baixa calidade lingüística ou a publicidade está en español. Ademais, no ámbito dixital só existen 3 periódicos propiamente en galego, xa que os demais son tradución doutros idiomas.
O cuarto motivo está referido ó uso administrativo, pois os funcionarios non usan o galego de maneira corrente e o amplo uso do idioma a nivel oral nas empresas privadas queda como anecdótico ó ver o uso en documentos escritos. Outro aspecto é a actitude dos políticos, que utilizan un galego non normativo e cunha actitude de propaganda, e da Administración autonómica que, por unha banda, leva a cabo campañas de normalización carísimas, pero pola outra mantén unha actitude pasiva fronte a certos feitos en contra da norma estándar, como é a oficialidade da provincia de “La Coruña”. Segundo o partido que chegue á Xunta, a situación é máis ou menos favorable de cara ó uso do galego, aínda que o verdadeiramente desexable sería que o proceso de normativización do idioma non se levase a cabo só durante o mandato dalgún partido, senón de maneira continua para poder recuperar o uso normal e a dignidade da nosa lingua.
O último motivo, que cómpre destacar na irregularidade do galego e no seu proceso de normalización, é o establecemento dunha variedade estándar do galego a partir da unificación das distintas variantes, aínda que queda moito por facer, xa que debido ós longos períodos nos que o galego carecía desas regras xerais, apareceron tópicos entre os distintos falantes sobre a autenticidade dos seus dialectos fronte ós de outras zonas e tamén fronte o idioma normativizado.
En resumo, as perspectivas de futuro do galego dependerán do que os galegos queiran facer: por unha parte, do uso que as futuras xeracións lle dean ó galego, para comprobar se existe ou non un relevo xeracional; por outra, dos cambios xeográficos das xeracións, do rural ó urbano e viceversa. Influirá tamén na supervivencia do galego a extensión dos ámbitos de uso desta lingua ós medios de comunicación e a Internet, diminuíndo á vez a presenza do castelán nestes. Por último, aínda que lonxe de conseguirse, intentarase extender o galego a medios internacionais (recoñecemento na Comunidade Europea).