A Normalización Lingüística do Galego: Historia e Desafíos
Linguas Minorizadas e Minoritarias: Conceptos Clave
As linguas minorizadas son aquelas que están en situación de desvantaxe con respecto a unha lingua dominante coa que comparten territorio. Moitas veces estas linguas cualifícanse por defecto como minoritarias, equiparándose ambos os termos. Non obstante, danse casos de linguas minorizadas, pero maioritarias, é dicir, cunha porcentaxe de falantes superior á da lingua dominante. O español, por exemplo, é unha lingua maioritaria en España, pero nos Estados Unidos pasa a ser minoritaria: minoritaria fronte á maioritaria, por un lado, e minorizada fronte á dominante por outro. Cando a lingua é minorizada recibe a presión da lingua dominante, presión que tende a provocar a súa marxinación e mesmo desaparición. De aí que falemos de conflito lingüístico. Co fin de superalo, cómpre pór en marcha o proceso de normalización, que forma parte dunha planificación lingüística. Nesta están implicados os cidadáns, as institucións públicas e privadas, e todos os grupos sociais.
Calquera proceso de planificación dunha lingua responde a uns obxectivos previamente establecidos. No noso caso, o obxectivo é deter o proceso de substitución do galego polo castelán e recuperar a lingua propia de Galicia como lingua de uso cotián en todos os ámbitos. Este proceso implica varios aspectos:
- A normativización ou planificación do corpus: fixación da norma gráfica, léxica e fónica.
- A normalización ou planificación do status: fai referencia á extensión social da lingua, isto é, a súa transmisión e uso.
Ambos os procesos están relacionados, pois a extensión dunha lingua a novos ámbitos require a elaboración dunha normativa.
As Institucións e a Normalización Lingüística
Na Xunta de Galicia existe unha Secretaría Xeral de Política Lingüística, que ten como obxectivo a promoción da lingua galega na administración e na sociedade en xeral. Ademais da Xunta, as deputacións provinciais e os concellos destinan unha pequena parte dos seus orzamentos. A Lei de Normalización Lingüística (LNL) entrou en vigor no ano 1983, pero non conseguiu deter a substitución do galego polo castelán. As actuacións centráronse en catro aspectos:
- A mellora do galego a través de cursos de formación para traballadores.
- Introdución do galego en espazos onde estivera marxinada, con axudas e subvencións.
- Financiamento da Compañía de Radio Televisión de Galicia.
- Extensión do galego nas novas xeracións co ensino.
Moitas familias ían deixando de transmitir o galego en favor do castelán. Non obstante, os resultados non foron os esperados.
Problemas na Normalización Lingüística
- Falta de formación en planificación lingüística do persoal responsable.
- Incumprimento total ou parcial da normativa legal establecida.
- Inadecuado seguimento e valoración dos investimentos realizados, como o destinado á normalización do galego na prensa, que non foi en absoluto efectivo xa que a súa presenza segue a ser moi escasa.
Aspectos Positivos e Desafíos Futuros
En contraste, o maior éxito radica na conquista de novos espazos para o galego, como o dos medios de comunicación, a Administración ou a política, o salto do uso privado ao público. Sen dúbida, o feito de que os políticos usen o galego resulta significativo en canto ao prestixio da nosa lingua. Non obstante, este progreso, de quedar só niso, pode acabar constituíndo un novo perigo para o galego, na medida en que supón que quede confinado a un uso litúrxico e simbólico, importante pero non suficiente. Para superar esta fase, cómpre que as novas xeracións falen a lingua de forma cotiá na vida.
O Galego e a súa Historia no Século XX: Contexto Sociolingüístico
O proceso de substitución do galego polo castelán veu da man da industrialización e urbanización. O castelán só se empregaba nas cidades e nalgunhas vilas de clase poderosa. O galego era a lingua maioritaria, pero o castelán era a lingua dominante, pois as clases altas usaban esta lingua.
O galego era daquela unicamente a lingua de campesiños e mariñeiros, ligada ás clases baixas. Xurdiron así os prexuízos que cualificaban a lingua como inculta, incapaz de servir para a comunicación intelectual. Co obxectivo de superar estes prexuízos, xorden organizacións que resultan de gran relevancia cultural e política para a lingua galega:
- As Irmandades da Fala, creadas en 1916 coa revista A Nosa Terra: vivira as súas fases provincialista, federalista e rexionalista, e non fora quen de ofrecer unha alternativa política viable. Isto cambiou notablemente a partir de 1916. Antón e Ramón Vilar Ponte deciden promover a creación dun organismo de defensa para a práctica da lingua. Sentan as bases tamén do nacionalismo, pretendendo superar o tópico de que Galicia é inferior: Antón Vilar Ponte con Nacionalismo Gallego, Nuestra afirmación regional e Vicente Risco con Teoría do nazonalismo galego.
- O Grupo Nós e a revista Nós en 1920: coñecido tamén como cenáculo ourensán, fundou a revista Nós co propósito de europeizar a cultura galega. Os seus directores son V. Risco e Castelao. Estes optaron por un labor principalmente cultural, afastándose da loita política, o que deu lugar a evolucións diverxentes en ambas as agrupacións.
- O Seminario de Estudos Galegos: chegou a contar con seccións tan diversas como historia, filoloxía, artes e letras, xeografía, folclore, prehistoria, arqueoloxía e historia da arte... A gran maioría dos traballos de investigación publicábanse en galego en medios como A revista Nós ou Arquivos do Seminario. Anteriormente foran importantes as editoriais Céltiga e Lar, que publicaron Un ollo de vidro e O lobo da xente de Castelao e Risco.
Para dotar a lingua dun rexistro formal e científico e convertela en idioma de cultura, os galeguistas, comprometidos co idioma, asumiron conscientemente e desde o principio o papel de minoría intelectual.
Marco Lexislativo e Político
En 1931 reapareceu o Partido Galeguista:
- Redacción do anteproxecto do Estatuto.
- Propaganda do Estatuto.
- Del saen os deputados que conseguen a aprobación do Estatuto.
- Tiña a aprobación das Cortes da República de Madrid.
- Os funcionarios debían aprender galego.
Un dos obxectivos fundamentais era a galeguización do ensino e a cooficialidade de galego e castelán.
A nivel cultural, o galego amplía os seus ámbitos de uso, acadando o rango de lingua de cultura e, en consecuencia, o aumento do seu prestixio.
A nivel político, a aprobación do Estatuto en 1936 supón o triunfo do nacionalismo.
O Papel do Ensino na Normalización
No primeiro terzo do século XX, o 50% dos nenos galegos non mantiña ningún contacto coa escola.
O castelán era considerado como lingua superior, usada na comunicación formal, mentres que o galego aparecía subordinado a aquela e empregábase unicamente en situacións informais e coloquiais.
O analfabetismo foi un mal estendido en Galicia que perdurou moito tempo, pero grazas a el, ralentizouse o proceso de substitución do galego polo castelán.
Características Lingüísticas Fundamentais
As Irmandades da Fala, o Seminario de Estudos Galegos e a Xeración Nós intentaron buscar un idioma galego máis puro, no sentido de afastalo das interferencias do castelán. Isto levounos a resaltar o aspecto enxebre do galego. Acudían ao portugués ou ao galego antigo. Este afán levounos a rexeitar formas galegas lexítimas para substituílas por arcaísmos, lusismos, estranxeirismos, hipergaleguismos ou vulgarismos.