Normalización da lingua galega: avances e desafíos

Lingua e literatura3,33 KB

Morto Franco (1975) e instaurada, despois da transición política, unha democracia parlamentaria (Constitución de 1978), Galicia dótase dun Estatuto de Autonomía (1981) e de institucións propias como a Xunta de Galicia e o Parlamento. A situación do idioma vai estar, a partir de aí, definida polo marco xurídico-legal que emana da Constitución, do Estatuto e das leis do Parlamento de Galicia.

O galego incorpórase ás máis variadas funcións: xornais e revistas (divulgativas, científicas ou culturais), ao ensino, á radio e televisión, ao libro didáctico (filosofía, matemáticas, xeografía…); é empregado na Universidade, na Administración, na Igrexa, na publicidade… Mais a pesar desta presenza semella que aínda se está lonxe de conseguir a recuperación total do idioma.

A calidade de utilización do galego mellorou moito a partir dos anos setenta. Ademais do xa iniciado en anos anteriores, a creación do Departamento de Lingüística e Literatura Galegas na Universidade, así como a publicación de gramáticas e manuais de aprendizaxe, os cursos de galego promovidos por diferentes entidades e, en xeral, a maior preocupación tanto individual como colectiva pola calidade do galego empregado, contribuíron notablemente a aumentar o nivel de corrección da lingua.

En 1982, froito do acordo entre a Real Academia Galega e mais o Instituto da Lingua Galega, publícanse as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego que definen o estándar da lingua contemporánea e que a Xunta de Galicia adoptou como oficiais. Aínda que a aceptación desta normativa non foi unánime e existe por parte de determinados colectivos unha oposición que se traduce na aparición doutros sistemas ortográficos e morfolóxicos de carácter reintegracionista, o certo é que dende a revisión das normas no 2003, este rexeitamento é mínimo.

No ano 1983 promúlgase a Lei de Normalización Lingüística, que vai a supoñer entre outras cousas a incorporación da Lingua Galega ao sistema educativo oficial, o cal supón un fito histórico xa que por vez primeira os galegos comezan a ser alfabetizados sistematicamente na propia lingua. No ano 2004 apróbase por unanimidade no Parlamento galego o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, documento que deseña actuacións de promoción e defensa do idioma para o converter en lingua de uso normal en Galicia.

Nos últimos anos do século XX houbo un gran avance no proceso de normalización da nosa lingua, creouse a Radio Televisión de Galicia e conseguiuse a entrada deste na administración e no ensino.

A Lei de Normalización Lingüística establece que os poderes públicos de Galicia potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa. O ensino é xunto coa familia o medio máis importante para a adquisición da lingua. A partir de 1975 asistimos ó proceso de incorporación do galego primeiro como obxecto de ensino e logo como lingua vehicular doutras.

Malia isto, segue a funcionar como elemento desgaleguizador en moitos casos por diversos motivos entre os que o principal é o non cumprimento da lexislación vixente. Si asistimos a un aumento significativo da competencia en lectura e escritura da poboación, pero diminúe o número de falantes que teñen o galego como lingua materna e como lingua habitual.

Descargar

PDF Word HTML