Narrativa Galega: Irmandades da Fala e Grupo Nós

Lingua e literatura4,9 KB

A narrativa nas Irmandades da Fala

Nesta etapa haberá un proceso de modernización ao introducirse unha ambientación urbana, personaxes das clases medias e unha compoñente de humor que cobran protagonismo fronte á prosa de temática labrega. Co obxectivo de crear hábitos de lectura, as Irmandades vanse servir de canles de difusión como o periódico A Nosa Terra e as coleccións Céltiga e Lar. Destaca Antón Vilar Ponte, xa que moitos dos seus ensaios, conferencias e discursos aparecidos en diversas publicacións da época foron publicados baixo o título de Pensamento e sementeira.

A narrativa na Época Nós

Vicente Risco

Ten tres etapas na súa evolución ideolóxica:

  • Pregaleguismo: Perda de fe nos valores que fan de Risco un mozo individualista e elitista que busca evasión na arte e no exótico.
  • Galeguismo: Ten tres piares básicos: a lingua (conformadora do ser da xente), a raza (orixe étnica común) e a terra (a nai sagrada).
  • Posgaleguismo: Acentúase o seu conservadorismo e fervente catolicismo, e renuncia ao uso da nosa lingua.

O porco de pé: É a parodia dun comerciante caracterizado con atributos porcinos que chega a ser alcalde da vila. É a única novela longa en galego de Risco e vén sendo considerada pola crítica como a primeira novela galega moderna. Don Celidonio, comerciante que chega a Galicia e fai fortuna, é o protagonista desta obra e representa unha sociedade urbana vulgar e consumista que Risco satiriza de modo grotesco. O seu antagonista é o doutor Alveiros, que é a expresión do home de espírito que cae na trampa do mundo que despreza, certificando así o triunfo da masa e da vulgaridade. A novela chega á súa apoteose final cando Celidonio é homenaxeado mentres arde a biblioteca municipal.

A prosa de Risco adoita ser bastante directa e apenas presenta artificios retóricos. A claridade, agudeza e sobriedade expresivas son as características básicas da súa narrativa.

Otero Pedrayo

Distinguimos dúas etapas:

  • Pregaleguismo: Como membro do Cenáculo Ourensán, participa nas características deste grupo: ampla formación intelectual, individualismo, elitismo, inconformismo...
  • Galeguismo: A partir da súa inclusión no nacionalismo, as súas ideas concordan co nacionalismo tradicionalista.

Otero revélase tardiamente como narrador. Na súa narrativa aparecen de forma repetitiva o campesiñado e a fidalguía; esta última será a protagonista de gran parte da súa produción debido á súa orixe e ao seu convencemento de que deberá ser a clase directora que harmonizase tradición e progreso. Pantelas, home libre é xa un adianto dos motivos que van ser recorrentes ao longo de toda a súa obra: a paisaxe e os fidalgos (Pantelas volve á terra despois de 12 anos de cárcere e experimenta a fonda vinculación entre o home e a terra). Os camiños da vida. Arredor de si constitúe unha biografía espiritual de Otero e dos homes do Grupo Nós antes da súa chegada ao galeguismo (o seu protagonista é un mozo intelectual que viaxa por Europa á procura da súa propia identidade, que atopará a medida que se identifica coa terra).

O seu estilo é espontáneo e baséase na improvisación e na inspiración. Destacan os longos parágrafos e a abundancia de imaxes, concisión e elipses. Prosa fluida e chea de ritmo e musicalidade.

A súa obra supón unha renovación da nosa narrativa na súa concepción, amosando unha gran capacidade de creación tanto de lugares como de ambientes ou personaxes.

Rafael Dieste

Escrita na preguerra, a súa prosa é culta e innovadora, aínda que na súa base se atopan as formas e contidos da cultura oral. Destaca Dos arquivos do trasno. Os temas tratados son o do retorno, a crueldade, a morte, a emigración, a soidade... Salienta o extraordinario integrado no cotián, o uso de procedementos técnicos e recursos estilísticos anovadores.

O ensaio: Irmandades e Grupo Nós

Vicente Risco (Ensaio)

Os ensaios máis importantes son Teoría do nacionalismo galego, no que explicita e xustifica os pensamentos acerca do nacionalismo galego, e Nós, os inadaptados, no que explica a ideoloxía dos integrantes do Cenáculo Ourensán. Outras obras son Mitteleuropa e Leria.

Otero Pedrayo (Ensaio)

Un dos principais ensaios é Ensaio histórico sobre a cultura galega. Nela atópase a imaxe xeográfica e histórica de Galicia. As ideas fundamentais que desenvolve o autor son:

  • A conservación do espírito galego impoñéndose ás distintas culturas que se asentaron no país.
  • A importancia do ascendente celta.
  • A identificación de Galicia con Europa.

Descargar

PDF Word HTML