Literatura Galega: Teatro, Exilio e Poesía (1936-2005)
Teatro Galego (1936-1976)
Nun panorama desolador, brilla con luz propia o teatro de Álvaro Cunqueiro. O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1959), recorre ás fontes das sagas nórdicas pre-shakespearianas para subverter a historia, engadindo tamén elementos edípicos. Esta obra foi representada no Teatro Colón no 59. Outros autores destacados son Ricardo Carballo (A farsa das zoscas) e Jenaro Mariñas (A revolta).
Nos anos 60 e 70 predomina o teatro social: Daniel Cortezón (Prisciliano 70), Manuel María (Auto do mariñeiro 61) e Arcadio López (Orestes 63). O teatro galego normalizado coroaríase co 1º Festival de Rivadavia en 1973.
Entre 1965 e 1980 dáse un paso definitivo na construción do teatro galego. Os feitos máis importantes son: 1º Manuel Lourenzo funda o grupo de teatro do Facho e o Teatro Circo en 1967, e 2º en 1973 a Asociación Cultural Abrente organiza unha mostra teatral que durou ata o 80. Grazas a Abrente apareceron autores como Manuel Lourenzo (Veladas indecentes), Euloxio Ruibal (Zardigot) e Roberto Vidal Bolaño (Laudamuco, señor de ningures).
Literatura do Exilio (1936-1976)
A sublevación do 36 significou unha intensa represión que obrigou a moitos intelectuais a exiliarse cara a terras americanas, onde xa existían núcleos de emigrantes galegos que tamén defendían a cultura galega. A capital desta Galicia exiliada sería Bos Aires, onde residiron Castelao, Dieste e Blanco Amor.
Os integrantes das vellas e das novas xeracións tiveron a oportunidade de seguir escribindo en galego fóra da súa terra coa creación dun programa editorial que promove a reedición de autores clásicos e a publicación de obras novas. A literatura galega do exilio vai estar marcada pola guerra, pola nostalxia e polo tema social.
Poesía do Exilio
Luís Seoane inicia o realismo social na poesía galega coa obra Fardel do exiliado (1952). Emilio Pita publica en 1942 Jacobusland, poesía social que reflicte a traxedia da guerra civil. Lorenzo Varela publica en 1954 Lonxe, libro no que mestura o intimismo amoroso coa nostalxia.
Narrativa do Exilio
A temática céntrase na guerra e na lembranza da terra. Ramón Valenzuela escribe en 1957 Non agardei por ninguén, a primeira novela galega que ten como tema a guerra civil. Silvio Santiago escribe Vilardevós, obra que exalta o popular e reflicte os seus costumes servíndose das súas lembranzas. Memorias dun neno labrego (1961) de Xosé Neira Vilas rememora a vida de pobreza e inxustiza no agro. A esmorga (1959) de Eduardo Blanco Amor é quizais a mellor novela da posguerra, destacando pola modernidade das técnicas narrativas e polo tratamento do tema dos antiheroes marxinados.
Teatro do Exilio
Créanse compañías teatrais e foméntase a creación e a representación. Isto permite representar por primeira vez Os vellos non deben de namorarse (1941). Dende esta representación, o teatro galego vaise desenvolver nunha dobre dirección: 1º unha banda innovadora protagonizada pola obra de Blanco Amor Farsas para títeres e 2º dirección encabezada polo dramaturgo Manuel Varela, de estilo máis costumista e popular, con obras como A taberna sen dono.
Poesía Galega Fin do Século XX e Comezos do XXI
A poesía galega actual iniciouse a partir da publicación en 1976 de Con pólvora e magnolias de Ferrín. Xorden inmediatamente grupos poéticos que poñen fin á estética do socialrealismo: o grupo Cravo Fondo (inician unha liña clasicista, co amor como tema básico) e o grupo Alén (preocúpanse pola renovación estética).
Xeración dos 80
Revistas como Nordés ou certames coma o premio Esquío son as plataformas de presentación pública da produción poética de escritores novos. Os trazos recorrentes son o culturalismo (que alude á proliferación de referencias musicais, pictóricas e filosóficas) e o tema do amor, enfocado erótica, sensual e transcendentemente. Autores destacados son Victor Vaqueiro (Camiño de Antioquía), Xavier Seoane (A caluga do paxaro) e Xosé Álvarez (Os documentos da sombra, premio da crítica española).
Poesía Galega Fin de Século
A formación académica dos novos autores implica tanto o habelencioso manexo da lingua como o establecemento dunha mesta rede de relacións intertextuais. Características: construción dun discurso feminino (María Xosé Queizán, Metáfora da metáfora, 1991), ficcionalización poética que se alimenta do cotián (Fran Alonso, Balada solitaria, 2005), poesía experimental (Antón Reixa, Viva Galicia Beibe, 1994) e poesía do coñecemento (Arturo Casas, Momentum, 1997).
Aportación de Autores Consagrados
Bernardino Graña (Luz de novembro, 1997), Manuel María (Herdo do canto, 2005) e Ferrín (Estirpe, 1994).