A literatura galega do primeiro terzo do século XIX

Lingua e literatura2,54 KB

A literatura de circunstancias do século XIX

A literatura de circunstancias do primeiro terzo do século XIX carece de valor literario por tratarse fundamentalmente de textos propagandísticos que se difundían en folletos ou formando parte dos xornais. Como por exemplo, podemos citar os escritos sobre a guerra contra os franceses: Un labrador que foi sarxento aos soldados do novo alistamento (1808) (poesía romance anónimo) de J. Fernández e Proezas de Galicia (1810) de J. Fernández de Neira.

O primeiro destes escritos defende ideas tradicionalistas; en cambio, o romance Os rogos dun galego establecido en Londres, dedicados aos seus paisanos para abrirlles os ollos sobre certas ignorancias e o demais que verá o curioso leitor (1813), do crego liberal Manuel Pardo de Andrade, satiriza a Inquisición.

Autores principais do período

  • Antonio Benito Fandiño: Autor de A Casamenteira (1812), única peza teatral —en verso— conservada deste período. A obra desenvólvese nun ambiente rural e trata o tema dos matrimonios amañados; a casamenteira celestina (Goras) convence ao protagonista para que case coa criada dun cura.
  • Nicomedes Pastor Díaz: Famoso poeta romántico en castelán, escribiu en galego o poema "Alborada" que, baixo a fórmula neoclásica de estancias de endecasílabos e heptasílabos, trata un tema amoroso e introduce o motivo da alba.

Os diálogos propagandísticos e satíricos

Os diálogos propagandísticos constitúen outra forma de literatura ocasional satírica; baixo a forma dos diálogos, presentan características da prosa doutrinal, do xornalismo e do teatro. A maioría deles difunden ideas liberais e son anónimos (Tertulia de Picaños, Tertulia de la Quintana, etc.); pero sábese que o Diálogo entre dos labradores gallegos, afligidos, y un avogado instruido, despreocupado y compasivo (1823) foi escrito polo avogado Pedro Boado Sánchez.

O texto é bilingüe e nel un avogado explícalles en castelán aos labradores que a Igrexa non ten dereito a percibir os chamados "dereitos de estola e pé de altar".

Outras manifestacións literarias

Ao lado desta literatura circunstancial, atopamos textos de máis valor literario, como os de Fandiño e Pastor Díaz, ademais dalgunhas panxoliñas de Nadal, continuadoras dunha tradición anterior, que se conservan nas catedrais de Santiago e Mondoñedo.

Descargar

PDF Word HTML