Literatura galega no Galego Medio: culta, popular e ilustración

Lingua e literatura2,51 KB

Literatura culta

Son escasas as manifestacións da literatura de carácter culto durante a etapa do Galego Medio. Non obstante, e como xa adiantamos, arredor da figura de Diego Sarmiento de Acuña conformouse unha pequena corte da que o resultado é un conxunto de textos líricos e teatrais.

Textos líricos

Desa corte conservamos a Canción galega en loor de Don Diego das Mariñas Parragués, de autor descoñecido, e redactada en 11 estanzas.

Textos teatrais

A pesar de que temos noticia de actividades teatrais no noso país durante a etapa que tratamos, apenas conservamos documentos datados nese tempo. Sen dúbida, o documento máis importante do período é A contenda dos labradores de Caldelas, máis coñecida como Entremés famoso sobre a pesca no río Miño. A obra, datada en 1671, ten como tema un dos moitos enfrontamentos, con final feliz, habidos no Miño entre os habitantes das dúas beiras do río por mor dos dereitos de pesca.

Literatura popularizante

Durante os séculos XVII e XVIII desenvolveuse a moda do villancico galego: composicións en verso, musicadas, que presentan un certo aire popular. As catedrais de Mondoñedo e Santiago son dous dos lugares onde máis fortuna tivo este xénero.

A Ilustración

O século XVIII supuxo para Galicia, como para toda España, a chegada e espallamento das ideas ilustradas. Non se rexistra un momento decisivo dos textos redactados na nosa lingua, mais aparecen sociedades xeográficas, económicas... cuxo obxectivo era o estudo da realidade do país.

Canto aos autores que empregaron o noso idioma durante esta etapa, cómpre sinalar especialmente a Diego Antonio Cernadas e Castro. Mais é, sen dúbida, a figura e obra de Frei Martín Sarmiento a que enmarca verdadeiramente o labor ilustrado en terras galegas.

Ao longo dos 300 anos do Galego Medio, certas personalidades da fidalguía reiteraron as queixas diante da ocupación de cargos públicos, así na administración civil como na eclesiástica, por parte de individuos alleos a Galicia. Esta protesta incluiu en ocasións o apartado lingüístico.

De todos modos, e por máis que non fose en solitario, ninguén como Frei Martín foi tan lonxe na defensa e reivindicación do idioma galego. Para el, o ensino das primeiras letras ha de efectuarse sempre na lingua propia.

Descargar

PDF Word HTML