A Literatura Galega no Exilio: Poesía, Prosa e Teatro
As iniciativas culturais e galeguistas veranse truncadas coa Guerra Civil ata que a fronte cultural de Galaxia inicia a recuperación das nosas letras. No exilio americano proseguiu esta labor de reivindicación grazas a que todos seguían en contacto e moi unidos; ademais sumáronse ás diferentes asociacións, actividades e traballos para que a cultura galega puidese vivir un novo florecemento.
A Poesía no Exilio
Moitas obras publicadas no exilio chegaron ata as mans dos grupos galeguistas e da xuventude, influíndo neles. Destacan neste xénero algúns autores clave:
- Emilio Pita: Naceu na Coruña e emigrou de neno á Arxentina. A súa primeira publicación foi o poemario Jacobusland. Na súa poesía alíanse a musicalidade e os elementos naturais cunha certa reiteración no vocabulario. Pode considerarse como un antecedente da poesía comprometida sen a preocupación por manter os valores poéticos.
- Luís Seoane: Nacido en Bos Aires pero fillo de emigrantes galegos. Estudou Dereito en Santiago. Converteuse nun dos iniciadores do movemento cultural galego. Era un home polifacético. A súa obra poética iníciase con Fardel de exiliado. Na poesía de Seoane alentan tres preocupacións fundamentais: a dimensión social, o coñecemento histórico e cultural e o reflexo do mundo artístico.
- Lorenzo Varela: Fillo de emigrantes galegos, naceu na Habana pero trasladouse de neno a Galicia e estudou Filosofía e Letras en Madrid. Posteriormente exiliouse en México, onde foi redactor da revista Romance. Máis tarde iniciou a súa produción poética galega en Bos Aires. A súa mellor obra é Lonxe.
A Narrativa no Exilio
Os autores aparecen identificados pola traumática experiencia da guerra e do desterro. Destacan:
- Ramón Valenzuela: Formou parte do Partido Galeguista e despois da guerra exiliouse en Bos Aires, onde colaborou en Galicia emigrante con narracións. Unha das súas mellores obras é Non agardei por ninguén.
- Silvio Santiago: Á raíz da guerra fuxiu a Portugal, onde viviu clandestinamente ata que conseguiu chegar a Venezuela. Unha das súas obras máis significativa é Vilardevós, lugar onde naceu.
O Teatro no Exilio
No teatro, destaca sobre todo Varela Buxán, que naceu en Lamas e emigrou a Bos Aires, onde tivo moito éxito grazas ao seu teatro popular, de liña cómica, que recreaba os costumes labregos e mariñeiros e a exaltación dos valores morais do pobo galego.