Literatura Galega: Do Exilio (1936-1976) á Poesía Contemporánea (S. XX-XXI)

Lingua e literatura7,16 KB

Literatura Galega (1936-1976): O Exilio

Por mor da represión iniciada no 36, o centro de actividade literaria galega trasladouse a México e Bos Aires. Nesta última cidade, os exiliados entraron en contacto cos que emigraran antes da sublevación militar e comezaron a impulsar revistas e libros para establecer a continuidade dunha cultura ameazada.

Contexto e figuras principais

Castelao converteuse en guieiro da liberdade de Galicia. Deste período son as súas obras Os vellos non deben de namorarse e Sempre en Galicia.

A Poesía

Emilio Pita

A súa primeira publicación no exilio foi o poemario Jacobusland, que pon de relevo a traxedia da Guerra Civil en Galicia. Tamén publicou:

  • Cantigas de nenas
  • O ronsel verdegal

Na súa poesía alíanse a musicalidade e os elementos naturais.

Luís Seoane

Exiliouse no 36 a Bos Aires e converteuse nun dos iniciadores do movemento cultural galego. Logo regresou á Coruña e fundou o Laboratorio de Formas de Galicia. A súa obra poética iníciase coa publicación de Fardel de exiliado, que canta a epopea anónima da emigración galega. Tamén publica Na bretema e As cicatrices. Na súa poesía hai tres preocupacións enxergadas a través de Galicia:

  1. A dimensión social e política.
  2. O coñecemento histórico e cultural.
  3. O reflexo do mundo artístico.

Lorenzo Varela

Inicia a súa produción poética galega en Bos Aires. Publica Catro poemas para catro gravados, que foi coñecida co título de María Pita e tres retratos medievais. Contén a exaltación de María Pita e a súa fazaña no cerco inglés na Coruña, a de Roi Xordo, a do bispo Adaúlfo e a de María Balteira. Tamén publica o libro Lonxe, no que domina a angustia polo desterro.

A Narrativa

Ramón Valenzuela Otero

Despois da guerra, exiliouse en Bos Aires. Publicou a novela Non agardei por ninguén, narrada en primeira persoa por un fidalgo galeguista republicano. Esta temática mantense en Era tempo de apandar.

Silvio Santiago

Escribiu a novela Vilardevós, escrita con sinxeleza técnica e con intención de crítica social. É unha pintura de costumes na cal exalta o popular. Postumamente publicouse O silencio redimido, que é unha novela autobiográfica.

O Teatro

Manuel Varela Buxán

Escribe un teatro popular, de liña cómica e sentimental, e a súa ambientación remítenos ao mundo rural. Publicou O ferreiro de Satán, A taberna sen dono, e outras comedias e monólogos.

Características da Literatura Galega no Exilio

  • O compromiso político galeguista e republicano.
  • A introdución da temática cívico-social na poesía.
  • O carácter autobiográfico da poesía e narrativa.

Poesía Galega Contemporánea (Séculos XX e XXI)

Contexto Histórico (Finais do S. XX)

O período que comeza e se estende ao longo das dúas últimas décadas do século XX é para Galicia e España o máis duradeiro e estable de toda a súa historia nun marco democrático. Galicia, en aplicación do Estatuto de Autonomía, dótase de institucións propias de autogoberno. Nesta etapa aparece a presenza da lingua galega nos plans de estudos, e acentúase o proceso de profesionalización dos escritores galegos.

A poesía galega inicia unha nova etapa a partir de Con pólvora e magnolias, que supuxo unha ruptura co socialrealismo. Vai ser na década dos 80 cando poidamos considerar a nosa poesía máis universal e actual. Reivindícanse poetas esquecidos da nosa literatura, así como doutras, procurando así os referentes na poesía universal.

A Poesía Galega nos Anos 80

A partir dos 80, experimenta unha mudanza sensible, tanto nas formas como nos temas. A poesía dos 80 presenta os seguintes trazos fundamentais:

Características da Poesía dos 80

  • Culturalismo: Caracterízase polo emprego de referencias literarias, mitolóxicas e musicais.
  • Experimentalismo: Céntrase na procura de novas formas rítmicas e retóricas.
  • Esteticismo: Caracterízase pola preponderancia da beleza construtiva sobre os aspectos morais e sociais.
  • Europeísmo: O espírito renovador leva a estes poetas a mirar o exterior e a interesarse por outros países e culturas.
  • Busca de novos suxeitos líricos.
  • Apertura temática: Sen abandonar totalmente a preocupación social, vanse multiplicando os temas.

O Colectivo Loia

O colectivo poético máis destacado foi a Revista Loia, á que pertencían Manuel Rivas, Lois Pereiro e Antón Patiño. A xeración dos 80 está formada por autores nados a partir da segunda metade dos 40 e ao longo dos 50.

A Poesía Galega nos Anos 90

A axitación creativa que caracteriza o ambiente poético dos anos 80 comeza a esmorecer. A comezos dos 90, unha promoción de autores procedentes de diferentes territorios literarios devolveulle unha certa vitalidade ao mundo da poesía galega. Os factores que determinaron a nova situación son:

  • A aparición de novos premios literarios.
  • A recuperación de festivais e recitais poéticos.
  • A creación de coleccións de poesía.

Liñas creativas básicas

A poesía dos 90 continúa en esencia a ruta creativa comezada para a literatura dos 80. Entre as características que comparten as dúas décadas está a esixencia de elaboración formal e lingüística, pero tamén se observa un certo renacer da temática social. As tendencias máis destacadas son:

  • Poética feminina-feminista: Manifestada a través da revisión xinocritica de certos aspectos culturais. Autoras destacadas: Chus Pato, Yolanda Castaño e Lupe Gómez.
  • Poética do cotián: Caracterizada polo uso dunha linguaxe directa. Autores destacados: Fran Alonso, Celso Sanmartín.
  • Poética do coñecemento: Que se singulariza pola elaboración formal e a gravidade dos temas tratados, e a poética experimental.

Na actualidade, a poesía galega está a vivir un período de grande actividade, con moitas técnicas e temas diferentes.

Descargar

PDF Word HTML