A literatura galega na ditadura: historia e autores
A ruptura da cultura galega en 1936
A sublevación militar de 1936 e a posterior instauración da ditadura de Francisco Franco supuxeron unha ruptura traumática na evolución da cultura galega. O proceso de consolidación lingüística e literaria iniciado no Rexurdimento e fortalecido no primeiro terzo do século XX quedou abruptamente interrompido. Comezaba así unha etapa marcada polo silencio, a censura e a represión.
O silencio editorial e o papel do exilio
Na inmediata posguerra produciuse un auténtico “silencio editorial”. Entre 1936 e 1947 practicamente non se publicaron obras en galego debido á prohibición do seu uso escrito e ao control ideolóxico do réxime. Moitos intelectuais sufriron cárcere, execución ou exilio. O galeguismo político e cultural só puido manter actividade no exterior, especialmente na Arxentina, onde destacou a figura de Castelao, convertido nun símbolo da defensa da identidade galega.
A recuperación cultural e a Editorial Galaxia
A partir de finais dos anos 40 iniciouse unha lenta recuperación da nosa lingua. En 1950 publícase Cómaros verdes de Aquilino Iglesia Alvariño, obra que simboliza o renacer da poesía galega. Ese mesmo ano fúndase a Editorial Galaxia, verdadeiro motor da reconstrución cultural. Grazas ao labor de intelectuais como Ramón Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego, recuperouse progresivamente o sistema literario galego mediante a publicación de poesía, narrativa, teatro e ensaio.
Resistencia e consolidación académica
Nos anos cincuenta e sesenta conviven distintas xeracións poéticas con tendencias diversas: desde liñas continuadoras da tradición anterior á guerra ata correntes existenciais e sociais que conectan coa realidade da posguerra. A literatura convértese nun espazo de resistencia simbólica fronte á política de desgalicización do franquismo. Nos últimos anos da ditadura intensifícase a recuperación cultural coa creación da Cátedra de Lingua e Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela (1965) e do Instituto da Lingua Galega (1971), consolidando o avance académico cara á normalización democrática tras 1975.
Grandes voces do exilio
Luís Seoane: polifacético e comprometido
Luís Seoane foi un creador polifacético: poeta, ensaísta, pintor e dinamizador cultural. Aínda que naceu na Arxentina, trasladouse de neno a Galicia, onde estudou Dereito en Santiago de Compostela e se vinculou ao galeguismo. Coa Guerra Civil tivo que exiliarse en Bos Aires, onde fundou, xunto con Isaac Díaz Pardo, o Laboratorio de Formas de Sargadelos.
No ámbito poético destacan:
- Fardel de exiliado (1952)
- Na brétema, Santiago (1955)
- As cicatrices (1959)
A súa poesía está marcada por un forte compromiso ético e político. O tema do exilio e da emigración ocupa un lugar central, expresando a dor e o desarraigo colectivo. Formalmente, Seoane emprega o verso libre e unha linguaxe clara e directa para comunicar unha mensaxe social.
Lorenzo Varela: a lírica da distancia
Lorenzo Varela é unha das voces máis representativas do exilio. Participou na fundación das Mocidades Galeguistas e, tras a guerra, estableceuse en Bos Aires. Entre as súas obras destacan Catro poemas para catro gravados (1944) e Lonxe (1954). En Lonxe, o título expresa a distancia física e emocional coa terra, combinando a saudade coa denuncia da inxustiza política.
Panorama da lírica galega na ditadura
A lírica galega ofrece un panorama complexo onde conviven varias tendencias estéticas:
- Neotrobadorismo: Inspirado na lírica medieval. Destacan Álvaro Cunqueiro (Dona de corpo delgado) e Xosé María Álvarez Blázquez.
- Poesía paisaxística: Herdeira do imaxinismo ou do clasicismo, como en Nimbos de Xosé María Díaz Castro.
- Intimismo existencialista: Reflicte o pesimismo da posguerra. Manuel Cuña Novas inaugura a Escola da Tebra con Fabulario novo (1952). Destaca tamén Luís Pimentel con Sombra do aire na herba.
- Poesía telúrico-existencial: Identificación entre o ser e a terra, como en Terra Chá de Manuel María e Os eidos de Uxío Novoneyra.
- Socialrealismo: A partir dos anos sesenta, con Celso Emilio Ferreiro e a súa obra Longa noite de pedra (1962), como máximo expoñente da denuncia política.
As xeracións poéticas
A Xeración do 36
Agrupa poetas nados entre 1910 e 1920, formados baixo a influencia da Xeración Nós. Son a ponte entre a preguerra e a posguerra.
Aquilino Iglesia Alvariño
A súa obra Cómaros verdes (1947) inicia a recuperación literaria. A súa poesía combina o neotrobadorismo coa visión humanizada da natureza e o intimismo existencial en obras como A lanza de soledá.
Celso Emilio Ferreiro
A súa poesía articúlase en tres rexistros: cívico (denuncia social), intimista (reflexión sobre o eu) e satírico. Longa noite de pedra é o símbolo da ditadura en Galicia, onde a "noite" evoca a escuridade política e a "pedra" a dureza do sistema.
Xosé María Álvarez Blázquez
Fundador de revistas e investigador, a súa poesía combina o populismo e o neotrobadorismo. Destacan Cancioneiro de Monfero e Canto secreto.
A Promoción de Enlace
Autores nados entre 1920 e 1930, formados nos anos máis duros da posguerra. Destacan:
- Antón Tovar: A súa poesía busca a identidade e reflicte a angustia existencial en obras como Arredores e Calados esconxuros.
- Luz Pozo Garza: Cunha traxectoria que vai desde o intimismo amoroso (Códice Calixtino) ata o compromiso social (Prisioneiro), onde reflexiona sobre a falta de liberdade.
A Xeración das Festas Minervais
Autores nados entre 1930 e 1940 que se deron a coñecer nos certames universitarios de Santiago.
Manuel María
Poeta comprometido co nacionalismo. Evolucionou desde a Escola da Tebra cara a unha dimensión social e reivindicativa. En Terra Chá, ofrece unha visión realista e crítica do mundo rural galego.
Uxío Novoneyra
Destaca pola súa conexión coa paisaxe do Courel. En Os eidos e Cousos do lobo!, emprega o fonosimbolismo para transmitir a forza indómita da natureza.
Bernardino Graña e Méndez Ferrín
Bernardino Graña evoluciona cara á poesía social coa forza da fala mariñeira, mentres que Xosé Luís Méndez Ferrín (Voz na néboa, Con de tres pés) combina o compromiso ético coa experimentación formal e a riqueza léxica.